Sixtema desenvolve unha solución para a restauración virtual de obxectos patrimoniais
venres, 4 de abril do 2025
A empresa tecnolóxica galega Sixtema rematou con éxito o proxecto RESTAUR.AR, unha ambiciosa iniciativa de I+D orientada ao desenvolvemento de novas ferramentas dixitais para a conservación, restauración e divulgación do patrimonio cultural. O proxecto permitiu desenvolver unha solución integral que xera réplicas dixitais en 3D de obxectos patrimoniais e simula procesos de restauración de maneira virtual e non invasiva grazas ao uso da intelixencia artificial.
Esta tecnoloxía permite aplicar criterios avanzados de análise e predición sobre os obxectos dixitalizados, axilizando as tarefas de diagnóstico e propoñendo hipóteses de intervención de forma automatizada e segura. Ademais, a ferramenta incorpora contornos inmersivos que permiten visualizar e interactuar cos resultados en realidade aumentada e realidade virtual, sen necesidade de manipular fisicamente os obxectos.
O director xeral de Sixtema, describe RESTAUR.AR como «unha mostra do que ocorre cando a tecnoloxía se pon ao servizo dun propósito maior: preservar o coñecemento, protexer o legado cultural e facelo accesible. É unha liña de traballo que levamos anos impulsando e na que seguiremos afondando».
Durante o seu desenvolvemento, RESTAUR.AR permitiu avanzar na dixitalización 3D de alta precisión mediante tecnoloxía LiDAR integrada en dispositivos móbiles, automatizar a análise do estado de conservación de obxectos culturais, e aplicar técnicas de modelado preditivo con intelixencia artificial para crear réplicas dixitais restauradas sen intervir fisicamente nas pezas orixinais.
Este enfoque novidoso introduce unha nova capa de intelixencia na toma de decisións técnicas. O resultado é unha solución escalable que, ademais, permite a creación de novas experiencias de divulgación cultural a través de contornos inmersivos e tecnoloxías accesibles, combinando rigor técnico e usabilidade.
