Sixtema e Prefapp distinguidas nos III Premios á Excelencia Empresarial de Santiago

mércores, 20 de novembro do 2024 S. P.

O Concello de Santiago fixo entrega o pasado martes dos III Premios de Excelencia Empresarial, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi que estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Promoción Económica, María Rozas. Con estes galardóns, recoñécense as empresas que se teñan distinguido polas súas boas prácticas nos eidos da conciliación laboral e familiar, a economía circular, a innovación, a comercialización en produtos e servizos culturais, o cumprimento dos retos da Axenda Urbana 2030, a economía social e as boas prácticas que apostan por reter, atraer ou mellorar o talento.
No palmarés atopábanse empresas de novas tecnoloxías como Sixtema (primeira da súa categoría) e Prefapp.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que estes premios “serven de guía para ese camiño cara o soño colectivo ao que aspiramos na Compostela que habitamos, premiando a quen con decisión e esforzo decidiu remar a contracorrente en prol dun país máis humano”.
María Rozas salientou que as empresas premiadas “axudan a construír unha Compostela mellor para todos e todas, e axúdannos a avanzar no reto compartido que é lograr unha sociedade máis xusta”.
Os III Premios de Excelencia Empresarial distinguen empresas en sete categorías, cun premio de 6.000 euros en cada unha delas, con mencións de 2.000 euros en cada categoría.
Na categoría de Boas prácticas en materia de conciliación, o premio foi para Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, que desenvolve actividades de consultoría empresarial e comunicación; e a mención para Sacauntos Sociedade Cooperativa Galega, que atende a cuestións como a edición, o deseño gráfico ou a impresión.
Na categoría Boas prácticas en materia de economía circular foi distinguida a empresa I-Grape Laboratory S.L., un spin off da Universidade de Santiago que elabora extractos naturais bioactivos a partir de residuos vexetais, con propiedades antioxidantes, antibacterianas e funxicidas.
Na categoría de Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio, o premio foi para Sixtema, unha empresa que proporciona asesoramento especializado e desenvolve novas ferramentas dixitais innovadoras e personalizadas. a mención é para a consultora tecnolóxica Prefapp Cloud Consulting SL.
En canto á categoría de Boas prácticas en innovación, en comercialización de produtos e servizos culturais, Beatriz López González recibe o premio por Boles, unha tenda especializada en produto artesanal; e Chus Iglesias Prado mereceu a mención por Acivro Xoias xunto con Sacaúntos Sociedade Coopertiva.
Na categoría Boas prácticas de empresas de economía social, o premio foi para Cidadanía, unha cooperativa que facilita a participación activa da cidadanía nas políticas públicas, deseñando procesos de investigación, consultoría e formación. Pola súa banda, COGAMI Reciclado de Galicia recibiu unha mención.
Por último, na categoría Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento, o premio foi para Almudena Rodríguez polo proxecto Creafogar; mentres que houbo uha moción para a empresa Prefapp Cloud Consulting.