Skylanders terá xogo de cartas coleccionables en 2016

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Activision conseguiu revolucionar o mercado co lanzamento de Skylanders, un videoxogo que fai que xoguetes cobren vida na consola de videoxogos, combinando dun xeito xenial ambos mundos e creando un negocio moi lucrativo provocando que xurdiran outros produtos na mesma liña como Disney Infinity ou os Amiibo de Nintendo. Pero esta franquía non quere limitarse a un xogo de coleccionar figuras, e prepara unha variante que podería ter grande éxito, Skylanders Battlecast, que será un título free-to-play para dispositivos móbiles no que en vez de introducir figuras no xogo, introduce cartas coleccionables.
O xogo ofrecerá dende a posibilidade de coleccionar cartas a combates estratéxicos, enfrontamentos en liña entre xogadores e unha emocionante campaña para un xogador, detalles cos que esperan gañar tanto a seareiros de Skylanders como a afeccionados ás cartas de batalla clásicas.
Con Skylanders Battlecast os xogadores poderán adquirir lotes de cartas físicas en tendas, amais de lotes de cartas dixitais no xogo. Os usuarios poderán ver así como os seus naipes cobra vida no seu dispositivo móbil, podéndose escanear as cartas de dous personaxes xuntos para crear batallas animadas nas que interactuar fisicamente. O xogo estará dispoñible para iOS e Android en 2016.

Tráiler de Skylanders Battlecast

PUBLICIDADE