Slender: The Arrival estrea versión para PS4 e Xbox One

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O Slender Man é un dos primeiros mitos nacidos na Internet, dando lugar a numerosas lendas urbanas e produtos audiovisuais desenvolvidos baseándose neste home do saco moderno, entre os que non faltan videoxogos como Slender: The Arrival, que hai un par de anos vimos en PlayStation 3, Xbox 360 e PC, e que mañá vai estrear versión para PlayStation 4 e Xbox One, o que permitirá que os usuarios de consolas de nova xeración poidan sentir o terror que transmite este título desenvolvido por Blue Isle Studios.
Esta revisión do xogo non só actualizou os seus gráficos para aproveitar a potencia das novas máquinas, senón que tamén aproveitouse a ocasión para actualizar o seu apartado sonoro, que consegue transmitir unha experiencia máis cativadora e emotiva, de xeito que transmite nerviosismo en situacións escuras e perigosas mentres convida a relaxarse en momentos máis tranquilos.
Esta nova versión de Slender: The Arrival distribúese en formato descargable a un prezo de 9,99 euros.

PUBLICIDADE