SmartPeme+ enfila a recta final de xuño con cinco novos obradoiros TIC

luns, 23 de xuño do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta última semana de xuño cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 23 e o xoves 26 de xuño e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como o inboud marketing, a IA aplicada ao posicionamento en Google ou o deseño 3D, entre outras.
Este luns 23 celebrarase o obradoiro telemático Impresión 3D no 2025, Slicers actuais 2/4, accións fundamentais, a partir das 12.00 horas, organizado pola Oficina SmartPeme de Barro. Os participantes aprenderán a sacar o máximo partido ás súas impresoras 3D, desde como configurala e monitorizala adecuadamente ata facer as primeiras impresións e envíos de deseños. Será impartida por Manuel Tornos, asesor do Centro de Educación e Formación de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 24, en formato telemático ás 12.00 horas, desenvolverase o obradoiro Inboud marketing coordinado pola Oficina de Pontevedra. Na sesión darase a coñecer como acompañar e atraer o cliente ao longo de todo o seu proceso de compra da man de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria profesional asesorando a empresas no ámbito da comunicación e da mercadotecnia dixital. As inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
O mércores 25 ás 12.00 horas será a quenda do obradoiro telemático Customer Development, organizado pola Oficina Smartpeme de Lalín. Sabela Álvarez, licenciada en comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade e emprendemento, dará a coñecer esta metodoloxía clave para quen desenvolva unha nova idea de negocio, lance un produto innovador ou busque adaptar o seu modelo actual ao que realmente necesita o mercado. As persoas interesadas pódense inscribir no formulario habilitado.
O xoves 26 a Deputación organiza ás 12.00 horas o obradoiro tamén telemático AI Overviews: novas regras para clasificar en primeiro lugar en Google na oficina do Porriño, no que as persoas participantes aprenderán que son as descricións xerais da Intelixencia Artificial, como funcionan e como poden usalas para manter o seu contido relevante e visible en Google. A sesión correrá a cargo de Esther Garcinuño, licenciada en Administración e Dirección de Empresas, e as inscricións pódense realizar no formulario achegado pola Deputación.
Por último, tamén o xoves 26 celebrarase o obradoiro presencial Creación e análise dunha base de datos de aloxamentos, ás 16:.30 horas coordinado pola oficina de Cambados. A sesión abordará como crear unha base de datos propia cun rexistro de reservas e clientes e correrá a cargo de Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións poden realizarse no formulario
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.