SmartPEME acada unha excelente acollida no salón Franquiatlántico

martes, 28 de febreiro do 2017 Redacción

Os días pasados celebrouse a XVII edición do salón Franquiatlántico Franquicias & Negocios no Porto de Vigo e alí tamén tivo o seu stand o programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra. Polo emprazamento da institución que preside Carmela Silva pasaron finalmente centos de persoas, interesas na actividade de SmartPEME no seu potencial formativo para empresas, profesionais e autónomos da provincia: trátase de asesoralos e axudalos (con cursos, obradoiros, titorías, seguimento, etc) a subirse ao carro das novas tecnoloxías da información para impulsar a súa actividade e os seus proxectos de mercado. En palabras da entidade provincial, SmartPEME tivo no devandito salón “unha excelente acollida”.
Segundo engade a Deputación, alén das visitas informativas, varias ducias de asistentes solicitaron neste evento datos sobre a formación especializada que ofrece SmartPEME, algúns deles coa idea de comezar axiña varios dos cursos e outras unha vez que inicien os seus propios negocios. “Ademais, dúas entidades solicitaron información sobre a posibilidade de que o seu persoal ou persoas asociadas puidera recibir cursos no marco do programa”, explica a entidade provincial.
Os técnicos da Deputación explicaron no stand de seu que os cursos de formación que organiza a Deputación de Pontevedra son de balde e abordan temas como a realización de anuncios na rede social Facebook, a elaboración dunha estratexia dixital que emprega o correo electrónico como ferramenta de mercadotecnia destacada, a utilización de Google Apps, a avaliación de Twitter como rede social de transmisión de noticias empresariais ou a difusión de contidos a través de plataformas de contidos audiovisuais como Instagram, YouTube ou Periscope.
Ademais, o persoal técnico de SmartPEME lembrou que dende o programa fornécense tarefas de asesoramento e titorías, co fin de facilitar a incorporación das novas tecnoloxías tanto para as persoas como para as empresas participantes.
En total, Franquiatlántico acolleu este venres máis de medio cento de empresas, que representaban máis de 200 marcas. Estas entidades acudiron coa idea de achegar todo tipo de información ás persoas interesadas no emprendemento e en iniciar o seu propio negocio baixo o modelo da franquía.