SmartPEME achega novas formacións en ciberseguridade, mercadotecnia dixital e programación

luns, 13 de maio do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana (entre o 13 e o 17 de maio) tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, a mercadotecnia (marketing) dixital e a programación.
As accións formativas inícianse este luns, 13 de maio, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, uso da VPN. O obxectivo deste obradoiro, que será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire, é o de fomentar e dar a coñecer o uso das VPN.
O martes 14 celebrarase a acción formativa de Márketing Dixital en TikTok de 12:00 a 13:00 horas da man de Alejandra Guillermo, licenciada en Marketing e Publicidade e con ampla experiencia na creación de contido para redes. O obradoiro abordará as accións orgánicas e as accións de pago e, ademais, dará a coñecer o manexo de TikTok for Business.
A oferta formativa para esta semana conclúe o mércores 15 a partir das 10:30 horas, co taller Programación con Arduino Módulo II – Parte I onde Manuel Freire continuará afondando neste sistema de programación.

PUBLICIDADE