SmartPEME achega novos obradoiros sobre recursos maker, de mercadotecnia e de ciberseguridade

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana cinco novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para persoas autónomas, empresas e profesionais. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con debuxo 3D e con filamento, a plataforma turística TripAdvisor, Google Analytics e a ciberdelincuencia na Internet.
Este martes 24 e o xoves 26 Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de dirixir os obradoiros de fabricación dixital. O primeiro, Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio, complementará as formacións das semanas anteriores sobre a utilización deste software 3D; o segundo, Fabricación dixital. Laminador Cura I dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital deseñando pezas en 3D. Ambos talleres constan de 50 horas de duración e inclúense no novo formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.
O martes, as 17 horas e de xeito telemático, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas por la Universidades da Coruña, falará sobre TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística. Nesta cita mostraranse as posibilidades dunha ferramenta “cada vez mais personalizada e social que permite aos viaxeiros compartir información e así mellorar a reputación das empresas turísticas repercutindo no volume de ventas”, segundo explica a Deputación de Pontevedra.
O mércores 25, o taller Primeiros pasos con Google Analytics 4 realiza unha primeira aproximación a esta ferramenta, fundamental para calquera sitio web. Porá de manifesto as diferenzas coa actual versión da aplicación e como configurala para comezar a sacarlle partido. A encargada de impartir esta acción formativa é Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, que conta con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.
O derradeiro dos obradoiros da semana será o xoves 26 as 17:00 horas. Na mente do ciberdelincuente, protección ante estafas en Internet é unha acción de colaboración entre o Nodo Galego de Ciberseguridade e o Centro Tecnolóxico Gradiant, que será a encargada de impartilo. Celebrarase de xeito presencial na sala de actos do segundo andar da sede da Deputación de Pontevedra.

PUBLICIDADE