SmartPEME achega quince obradoiros en liña para seguir formándonos en tempos de COVID-19

martes, 7 de abril do 2020 S. P.

Por mor da situación de alarma, crise sanitaria e restricións á actividade presencial, a rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra envorcouse máis ca nunca nas novas tecnoloxías, sendo estas, precisamente, o miolo do seu labor capacitador e formativo en media ducia de concellos da provincia. Estes días pasados, a Deputación argallou quince novas accións a través de Internet a través de SmartPEME: quince novos xeitos de facer avanzar a autónomos, PEME e profesionais no ámbito das TIC. As actividades desenvólvense entre este luns 6 de abril e o día 17 e tocan temas como a ciberseguridade, o tráfico web, as técnicas principais de mercadotecnia ou a xestión das redes sociais.
Estado de Alarma
Debido ao suspenso das actividades formativas presenciais polo Estado de Alarma, a Deputación está a desenvolver unha serie de obradoiros que se imparten de forma telemática empregando as ferramentas habilitadas para o equipo de asesoras e asesores do programa (en concreto, o programa de formación Moodle). As accións formativas, que contan con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais ou blogues, ferramentas para a mellora de páxinas web, ciberseguridade, copywriting, ferramentas para empresas turísticas, promoción des empresas ou mercadotecnia (marketing).
Os obradoiros
Este luns 6 de abril, de 12:00 a 13:00 horas, celebrouse Ciberseguridade. Por Que Necesito unha VPN? Configuración Básica e, de 17:00 a 18:00 horas, Mellora o teu Tráfico Web Promocionando as Entradas do teu Blogue.
O martes, de 12:00 a 13:00 horas, será a quenda de Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da túa Web e, de 17:00 a 18:00 horas, Ciberseguridade. Por Que Necesito unha VPN? Configuración Básica.
No que respecta ao mércores, no horario habitual de mañá, de 12:00 a 13:00 horas, desenvolverase o obradoiro Mellora o teu Tráfico Web Promocionando as Entradas do teu Blogue; e no horario habitual de tarde, de 17:00 a 18:00 horas, celebrarase Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da túa Web.
A seguinte semana comeza co curso Guía de Boas Prácticas para Redes Sociais o luns 13, no horario habitual de mañá. Ese mesmo día, no horario de tarde, continúase con Copywriting Aplicado a Web e Redes Sociais.
O martes 14 de abril pola mañá será a quenda de Motores de Reservas para Empresas Turísticas, e pola tarde impartirase Así Funciona WhatsApp Business.
Ao día seguinte, mércores, pola mañá chega Márketing de Contidos: Aprende a Diferenciarte da Competencia e pola tarde Aprende a Promocionar a túa Empresa con Pinterest. No que respecta ao xoves, Que Imaxe Dou co meu Instagram? terá lugar pola mañá e Técnicas de Márketing para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades será pola tarde. Por último, o venres 17 pola mañá levarase a cabo o curso Copywriting Aplicado a Web e Redes Sociais.
Para inscribirse en calquera das actividades que se van desenvolver esta vindeiras semana cómpre contactar a través das canles habituais de SmartPEME. Pódese atopar máis información sobre estes obradoiros na súa páxina web.

PUBLICIDADE