SmartPEME achéganos catro novos obradoiros en liña sobre ciberdseguridade, LinkedIn e dominios web

luns, 20 de setembro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, acaídas para avanzar na transformación tecnolóxica das nosas empresas e, tamén, ampliar coñecementos de gran utilidades para o noso día a profesional. Os obradoiros versan sobre as contramedidas básicas de 2021 en ciberseguridade, LinkedIn para empresas turísticas e a contratación e renovación de dominios web.
En concreto, este martes 21 impartirase o obradoiro Ciberseguridade, contramedidas básicas 2021 I. Estará a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica e impresión 3D, quen falará dos posíbeis riscos que supón un uso non axeitado de Internet e dará a coñecer unha serie de contramedidas básicas que nos axudarán a estar máis protexidos cando naveguemos pola Rede.
O mércores 22 será a quenda de LinkedIn para empresas turísticas, a cargo de Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas, quen se centrará nas súas páxinas de empresa, os LinkedIn stories e as boas prácticas para sacar partido desta rede, especialmente cando a clientela está formada por empresas ou por un determinado tipo de persoas profesionais.
Para finalizar, o xoves 23, Manuel Freire continuará a súa formación en Ciberseguridade, contramedidas básicas II, obradoiro que xirará arredor da actualización de software, as copias de seguridade e os antivirus. Iso será pola mañá. Xa pola tarde, Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario, impartirá Aspectos chave para contratar e renovar o dominio da túa web II, onde desvelará que é unha hospedaxe, a súa tipoloxía e como contratala.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE