SmartPEME afronta a recta final de xaneiro con sete novos obradoiros TIC

luns, 23 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da súa iniciativa de transformación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana do 22 ao 27 de xaneiro sete novas accións formativas mixtas impartidas en liña e de xeito presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e cidadanía en xeral. Tratarán temas como a ciberseguridade e como ter un contrasinal segura, o chamado growth marketing, como comercializar servizos a través de redes sociais, como crear un plan de emprega, como tirar proveito das redes sociais para os establecementos turísticos, as vantaxes e posibilidades da cadea de bloques e como reorientar negocios freelance.
O primeiro curso da semana será este luns 23, ás 10.00 horas, e estará impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, baixo o epígrafe Ciberseguridade, como facer un contrasinal segura. O obxectivo do curso é “facer ver a importancia de ter un contrasinal ben definido e distinto para cada servizo”.
O martes 24, na quenda da mañá, Adrián Fernández licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, conducirá Growth marketing: estratexias para un crecemento sustentábel do teu negocio. Abordarase o conxunto de técnicas e estratexias de mercadotecnia dixital orientadas a un crecemento sostido no tempo da nosa empresa ou proxecto, sempre en base ao estudo de datos e da metodoloxía ensaio/erro.
Na da tarde, ás 17.00 horas desenvolverase a sesión Comercializa os teus servizos a través das redes sociais, un obradoiro orientado a que autónomos e micropemes coñezan dunha maneira detallada o uso do medio de comunicación máis utilizado na actualidade: as redes sociais. Afrontarase a importancia de coñecermos as vantaxes das ferramentas e técnicas de venda dispoñíbeis neste medio para a nosa empresa. Este curso estará impartido por José Luís Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia.
O mércores 25 tamén haberá dobre sesión. En horario de mañá, de xeito telemático, Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresarias pola Universidade de Vigo, guiará a acción Crea o teu Plan de Emprega. Pola tarde, ás 17.30h celebrarase o taller presencial no concello de Bueu, Redes sociais para establecementos turísticos. Nesta acción formativa poderás descubrir cales son as vantaxes e inconvenientes de usar as redes sociais como estratexia para captar clientes para o teu negocio. Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, será a encargada de impartilo.
A derradeira xornada da semana tamén estará composta por dúas sesións, unha telemática e outra presencial. Manuel Freire volverá a ser o experto que conducirá esta acción, Blockchain, identidade dixital e NFT. Este curso ven a completar a formación das semanas anteriores, e falarase do proxecto de identidade dixital da Unión Europea e como afecta directamente á xestión dos nosos datos. Tamén se falará dos NFT, que son e para que serven. Para rematar, ás 17.00 horas na Sede de Vigo da Deputación, Isabel Rodríguez consultora e adestradora (coach) empresarial con máis de 15 anos de experiencia, falará sobre Reorientación de negocios freelance que se atopen estancados para analizar as causas do estancamento, como xestionar o cambio ou reinvención, a falta de apoios e as emocións que se xeran en dito proceso.

PUBLICIDADE