SmartPEME afronta o remate de xuño con catro novos obradoiros

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede de capacitación tecnolóxica e transformación SmartPEME, oferta catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para persoas autónomas, empresas, profesionais e cidadáns en xeral. As accións abordarán as vertentes empresariais de Pinterest, o copywriting na Web e nas redes sociais, a venda de produtos en Facebook e Instagram e a fabricación dixital con escaner 3D.
O martes 28 de xuño, na quenda da mañá, Esther Garcinuño diplomada en Ciencias Empresariais impartirá o taller Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest. Nel darase a coñecer en profundidade esta rede social baseada en taboleiros de fotografías que se poden gardar e compartir e como implementala na estratexia de social media.
Na quenda da tarde, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, versará sobre Copywriting aplicado a web e redes sociais”. Un curso que explicará que é o copywriting, os seus tipos, como escribir un bo copy e como usalo nas nosas páxinas web e redes sociais. Ambas accións instruiranse a través de Zoom.
O mércores 29 as 12 h ofrécese o obradoiro Vende os teus produtos en Facebook e Instagram. Nesta actividade amosarase como utilizar estas aplicacións como ferramentas de venda directa, como crear unha tenda en Facebook ou Instagram e varios exemplos de éxito. A encargada de conducilo será Laura Carrera, que conta cunha ampla experiencia asesorando a empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e a mercadotecnia dixital.
Finalmente, o xoves 30 desenvolverase o derradeiro dos obradoiros do mes. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire, impartirá Fabricación dixital. Escáner 3D. O obxectivo é dar a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de produción dixital. Este é un curso de formato mixto no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

PUBLICIDADE