SmartPEME celebra a chegada de xullo con seis novos cursos en liña

martes, 30 de xuño do 2020 Sonia Pena

Esta semana prosegue a formación tecnolóxica da rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra, en formato online pero cos mesmos cometidos que antes da COVID19: capacitar ás nosas pequenas e medianas empresas, profesionais e autónomos nas múltiples vertentes do ámbito dixital, co obxectivo (máis pertinente ca nunca) de aumentar a súa produtividade, competitividade e empregabilidade. Ata este 3 de xullo SmartPEME oferta cursos sobre optimizacións de imaxes, ferramentas de chat ou ciberseguridade.
En concreto, trátase de seis novas accións formativas impartidas de xeito en liña, con dez prazas cada unha e enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
A semana comezou este luns co obradoiro Mellora a Túa Presenza Online Promocionando as Entradas do Teu Blog, ás 13 horas, a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas. De cara ao martes 30, realizaranse dous obradoiros, ás 12 o enxeñeiro informático José Luis Taboada impartirá Consideracións á Hora de Crear o Meu Modelo de Negocio e pola tarde, ás 17 horas, será a quenda de Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da Túa Web, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
O mércores 1 de xullo, a partir das 12 horas celébrase Ferramentas de Chat e Atención ao Cliente, que impartirá a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde. No que respecta ao xoves 2, ás 17 horas, Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, desenvolverá o obradoiro Aprende a Promocionar a Túa Empresa con Pinterest; e, para rematar a semana, o venres 3, ás 12 horas, chega Ciberseguridade–Por Que Necesito Unha VPN? Configuración Básica, a cargo de Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.

PUBLICIDADE