SmartPEME comeza a semana con cursos sobre ciberseguridade e análise de datos

luns, 16 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta catro novas accións formativas para esta semana que vai do 16 ao 20 de outubro, no marco da súa carteira de obradoiros tecnolóxicos para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e profesionais en xeral. Os cursos tratarán temas como a ciberseguridade e o uso da VPN, a análise de datos para o desenvolvemento dun negocio ou sobre o emprego da Intelixencia Artificial para a mellora e creación de imaxes.
Este luns 16 de outubro, as 10:30, celébrase Ciberseguridade, uso da VPN. O curso, impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, ten como obxectivo fomentar a utilización da VPN dando a coñecer os seus beneficios e o seu funcionamento. No taller telemático abordarase o seu uso, cales son as opcións gratuítas e como se configura.
O martes 17, de 12:00 a 13:00 horas, con Data Driven Marketing, mellora o teu negocio en base aos datos as persoas que participen aprenderán sobre a importancia da análise dixital e de como mellorar o SEO, SEM, redes sociais, deseño e copywriting a través dos datos para desenvolver o negocio. O taller será dirixido por Esther Garcinuño, docente con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.
Para o mércores 18, de 12:00 a 13:00, está previsto o taller sobre intelixencia artificial: IA de imaxes, sácalles o potencial. Lara Taboada, titulada superior en Ensinanzas Artísticas de Deseño Gráfico, con experiencia na fotografía de produto e composición fotográfica creativa, será a encargada de impartilo.
As accións formativas desta semana rematan o xoves 19 coa cuarta sesión formativa online sobre intelixencia artificial ChatGPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento -IV de 12:00 a 13:00 horas. Esta sesión inaugura o bloque de contidos sobre Stable Diffusion.