SmartPEME da Deputación de Pontevedra oferta esta semana tres novas accións formativas

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, oferta esta semana 3 novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os obradoiros centraranse en mercadotecnia social, contido efémero para redes con historias en Facebook e Instagram e en Intelixencia Artificial.
O mércores 13 de decembro celebraranse dous cursos impartidos de xeito telemático. Ás 12:00 Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Dirección de comunicación corporativa, será a encargada de impartir o obradoiro O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. Nel, explicarase como crear contido efémero nas redes sociais a través das historias integradas nunha estratexia de mercadotecnia.
Nesta mesma xornada do mércores pero ás 18:00 horas comezará o obradoiro Marketing social: Estratexias dixitais para entidades do terceiro sector. Trátase dunha acción formativa centrada en dar a coñecer as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñíbeis para as entidades do terceiro sector. Será impartida por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e con ampla experiencia no ámbito da comunicación dixital e a mercadotecnia en liña.
Finalmente, o xoves 14 de decembro entre as 12:00 e as 13:00 impartirase de xeito telemático o curso Intelixencia Artificial, iniciación con robots. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, dará a coñecer os procesos de clasificación de imaxes empregando unha rede neuronal e unha placa de desenvolvemento Jestson Nano.

PUBLICIDADE