SmartPEME fórmanos esta semana en ciberseguridade, Arduimo e uso profesional do TikTok

luns, 7 de novembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana catro novas formacións impartidas de xeito online: catro obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas como a importancia das copias de seguridade, gañar subscritores grazas a un lead magnet, aproveitamento do TikTok nas empresas e programación con Arduino.
Este luns 7 de novembro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso Ciberseguridade, copias de seguridade. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer a importancia de ter os datos nunha copia de seguridade para evitar situacións de perda ou roubo.
O martes 8, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá o taller Infoprofutos II: Deseña un lead magnet para aumentar os teus subscritores. Explicará como aumentar os contactos a través dos chamados lead magnet, agasallos ou incentivos que favorecen o crecemento óptimo de calquera negocio. Tamén se afondará en como deseñalos e incluír un formulario de subscrición na web para facer medrar as listas.
O mércores 9 de novembro, María Aller, postgraduada en Comunicación Corporativa, contará como sacarlle ó máximo partido a unha das redes sociais máis populares do momento: TikTok, que se converteu nunha ferramenta moi interesante para marcas e empresas. Todo este contido no obradoiro Como usar TikTok na túa empresa.
Finalmente, o xoves 10, impartirase Programación con Arduino II. Teórico I. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxecto iniciarnos nunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, mediante talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 5 obradoiros, 3 deles teóricos online e 2 prácticos presenciais de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.

PUBLICIDADE