SmartPEME fórmanos esta semana en fabricación dixital, posicionamento e mercadotecnia turística

martes, 30 de novembro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas en liña. As accións, novamente encamiñadas a persoas autónomas, profesionais de todo tipo de sectores e pequenas e medianas empresas, versarán sobre o itinerario iniciado o pasado mes de outubro en fabricación dixital, sobre metodoloxías para visualizar a nosa empresa en redes e buscadores e sobre a creación e difusión dunha marca turística.
Este martes 30 impartirase o obradoiro Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos, a cargo de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual. Este achegará os conceptos básicos que compoñen o SEO, así como o proceso de transformación dun sitio web para mellorar o posicionamento nos principais buscadores, aumentando o tráfico de usuarios ou clientes.
O mércores pola mañá, o experto en robótica Manuel Freire impartirá Fabricación Dixital. Escáner 3D, como continuidade do obradoiro da semana pasada. Pola tarde, a graduada en Turismo Mariana Rosa pechará a formación da semana con Creación e difusión dunha marca turística. Neste obradoiro Mariana Rosa orientará aos usuarios/as para aproveitar ao máximo as ferramentas de mercadotecnia en liña para adaptalas ás novas experiencias turísticas. Amais, explicará como sacar un maior rendemento ás estratexias de comunicación para ser máis eficaces no deseño dunha marca turística.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE