SmartPEME móstranos como editar vídeos con Canva e como tirar proveito da mercadotecnia en liña

luns, 10 de xaneiro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa de capacitación tecnolóxica SmartPEME (programa para favorecer o uso das tecnoloxías entre as pequenas medianas empresas e as persoas autónomas do ámbito provincial), comeza o ano con tres novas accións formativas impartidas de xeito online e programadas para esta segunda semana de xaneiro. As actividades previstas tratarán temas como a mercadotecnia dixital ao servizo do impulso turístico, a edición de vídeo con Canva ou a venta de produtos nun punto de venda en liña (marketplace).
O martes 11 será Sonia Torres, con posgrao en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas, quen imparta un obradoiro sobre Técnicas de marketing para a promoción de tours, experiencias e actividades dirixido a empresas turísticas que ofrezan servizos de ocio e entretemento.
Ao día seguinte, o mércores 12, SmartPEME ofrecerá o obradoiro Edición de vídeo básica: a nova función de Canva, da man de Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
Será o xoves 13 cando María Aller, con posgrao en Comunicación Corporativa, explique Como vender os teus produtos nun marketplace, sitios web nos que as persoas compradoras e as vendedoras poden relacionarse para levar a cabo transaccións comerciais.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME no apartado de cada evento. Tamén é posíbel facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE