SmartPEME móstranos como manexar drons, produtos de ecommerce ou campañas con Adwords

luns, 16 de maio do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana seis novos cursos impartidos de xeito online e presencial, enmarcados na súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, profesionais e persoas autónomas. As accións tratarán temas como a creación de campañas con Google Adwords, optimización web con SEO, funcionamento de drons, networking con mulleres emprendedoras, creación de servidores en Wordpress ou fotografía de produtos para ecommerce.
O mércores 18 de maio, Laura Carrera, posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa impartirá un obradoiro sobre creación de campañas eficaces de Google Adwords. No curso, Google Adwords, como entendelo e crear campañas eficaces II, que completa a primeira parte impartida a semana anterior, ensinarase a crear anuncios e traballar o SEM.
Na quenda de tarde, o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, explicará no taller Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade os factores externos que afectan ás páxinas web e inflúen no seu posicionamento, as mellores prácticas de SEO e como medilas.
Esa mesma tarde, de xeito presencial na oficina de SmartPEME de Barro, os técnicos de Drongal explicarán as últimas novidades en vehículos aéreos non tripulados no sector audiovisual, os cambios na lexislación vixente e farán unha demostración de voos no obradoiro Coñece os drons e o seu funcionamento con grupo Drongal.
O xoves 19 celebrarase na oficina de SmartPEME de Lalín a Xornada networking: mulleres que emprenden e inspiran. Neste encontro, catro mulleres emprendedoras: Alba Iglesias do Centro Wellness; Elvira Blanco de As Bicadas – Aceite de Oliva; Elvira Ferreiro de Elvira Ferreiro Estética Avanzada e Mabel Vidal de Casa Cacheiro – Casa Rural, relatarán a súa experiencia no autoemprego e crearán un espazo de diálogo co fin de establecer sinerxías entre os negocios da comarca do Deza. Por outra banda, tamén na quenda de mañá, o enxeñeiro informático José Luis Taboada impartirá un novo taller dirixido a pemes e autónomos: Crea o teu servidor local para Wordpress. Neste obradoiro ensinarase a crear un servidor local no que instalar WordPress.
Finalmente o xoves pola tarde, SmartPEME ofrecerá o curso Fotografía de produto para o teu E-commerce, da man de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño. Esta formación amosará a importancia da calidade da imaxe e a súa influencia na capacidade de aceptación ou desexo de consumir produtos ou servizos.

PUBLICIDADE