SmartPEME ofrece seis novos obradoiros TIC para axudarnos a avanzar en transformación e competitividade

luns, 13 de xullo do 2020 S. P.

Esta semana do 13 ao 19 de xullo prosegue a formación tecnolóxica da rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra, en formato online pero cos mesmos cometidos que antes da COVID19: capacitar ás nosas pequenas e medianas empresas, profesionais e autónomos nas múltiples vertentes do ámbito dixital, co obxectivo de aumentar a súa produtividade, competitividade e empregabilidade. Estes días SmartPEME oferta cursos sobre como mellorar a nosa web, sobre como tirar proveito das redes sociais para vender máis, sobre ciberseguridade ou sobre recursos para empresas turísticas.
Máis polo miúdo, trátase de seis novas accións formativas impartidas en liña, con dez prazas cada unha e enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
Este luns 13 impartiranse dous obradoiros. O primeiro tratará sobre a Estratexia de palabras clave para posicionar o teu negocio en liña e será impartido ás 12:00 horas por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.
De cara ás 17.00 horas Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, levará a cabo un taller co título de Desenvolve a túa propia estratexia de email márketing.
Para o martes 14 ás 12.00 horas SmartPEME ten programado un obradoiro titulado Así funciona WhatsApp Business, que contará co enxeñeiro informático José Luis Taboada.
Será o mércores 15 ás 11.00 horas cando Mariana Rosa, experta en turismo, verse sobre Redes sociais para establecementos turísticos. Ao día seguinte, o xoves 16, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña ás 12.00 horas. Para finalizar a semana, Manuel Freire, experto universitario en robótica, ensinará ás e aos participantes Que é o IoT (Internet das Cousas) e que promete ás 12.00 horas.

PUBLICIDADE