SmartPEME organiza 18 obradoiros TIC este mes de decembro

martes, 5 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer estes días o seu programa de actividades formativas TIC para o mes de decembro, un total de 18 de obradoiros. Estas sesións, como vén sendo costume, desenvólvense ao abeiro da rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín. Dende estes centros operativos, as/os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. Nove dos devanditos obradoiros do mes de decembro levaranse a cabo nas áreas de Vigo, Pontevedra, Cambados e Lalín.
As quendas para decembro na oficina de Vigo comezaron este pasado luns co curso Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico. Dez días despois celebrarase a segunda quenda, o xoves 14 de decembro, co curso Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións. Por último, o martes 19 de decembro, as persoas interesadas poderán asistir ao obradoiro de Ferramentas TIC básicas e sinxelas para a xestión do teu negocio. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3. Os tres obradoiros comezarán ás 19 horas.
Polo que atinxe á oficina de Ponteareas, acollerá o mércores 13 de decembro o obradoiro Coñece as claves para a dixitalización documental. O martes 19 de decembro, organizarase o curso Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. E para rematar o ano, o xoves 21, desenvolverase o obradoiro Como facturar electrónicamente para as empresas e administracións públicas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19 horas.
Polo que respecta á oficina do Porriño, dará acubillo (novamente en horario de 19 horas) aos seguintes obradoiros: o martes 12 de decembro, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO; Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións o luns 18 de decembro e para rematar o mércores 20, o obradoiro Crea o teu propio logotipo con Canva. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Tres cursos para Pontevedra
As quendas na sede da Deputación de Pontevedra comezaron este luns ás 19 horas co curso Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google. A segunda cita terá lugar o mércores 13 de decembro, tamén ás 19 horas, cando impartirase o curso Woocommerce II–A solución que procurabas para vender por Internet. Por último, o luns 18 de decembro, a mesma hora, Pontevedra acollerá o curso Edición de fotografía para plataformas e-commerce. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
Tres obradoiros en Lalín
Os obradoiros programados no Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 no mes de decembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, previsto para o luns 11 de decembro. O xoves 14 organizarase o obradoiro Crea o teu propio logotipo con Canva. Por último, o martes 19 de decembro terá lugar o curso Elixe a túa plataforma de comercio electrónico. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
Outras tantas sesións en Cambados
A actividade de decembro do Centro ExpoSalnés de Cambados ao abeiro de SmartPEME arrancou xa este luns 4 de decembro co obradoiro Ferramentas de google para a promoción de negocios locais e seguirá o mércores 13 de decembro co curso Guía de boas prácticas para redes sociais. Por último, o mércores 20 de decembro, celebrarase o curso Sácalle partido á túa conta de Gmail. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE