SmartPEME pon esta semana o foco na ciberseguridade, no Instagram, na IA e no networking

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, oferta esta semana cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, Instagram, Intelixencia Artificial e networking.
As accións formativas inícianse este luns, 11 de marzo, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, copias de seguridade da man do experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer a importancia de apoiar os datos nunha copia de seguridade, para evitar ser vítima dun ransomware ou padecer outros incidentes como roubos, asolagamentos ou subidas de tensión na rede eléctrica.
O martes 12, entre as 11:00 e as 12:00, celebrarase a sesión Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística, onde Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, abordará as ferramentas de Instagram máis útiles para chegar a máis clientes, afondando no funcionamento do algoritmo, nas stories, nos reels ou no Instagram Shop, entre outras.
Pola súa banda o mércores, á 12:00 horas, a titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico Laura Taboada impartirá o curso Capcut III, Intelixencia Artificial para o teu negocio, no que analizará o funcionamento das intelixencias artificiais e o seu aproveitamento para os negocios.
O xoves 14, entre as 11:00 e as 13:00, iniciarase o novo itinerario formativo sobre Intelixencia Artificial Ferramentas de texto con IA, Chat GPT, Gemini e Mixtral, impartido por Manuel Freire. A través desta actividade daranse a coñecer ferramentas que usan modelos de IA xerativa de textos como Chat GPT, Gemini e Mixtral, así como proporcionaranse recomendacións para xerar prompts e textos.
Finalmente, tamén o xoves 14, de 17:00 a 19:00 horas, celebrarase o taller Networking de empresas turísticas. Este acción formativa será presencial, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, e contará con dúas partes. Na primeira delas, María Agustina Pereira, xerente de SI Subvenciones, proporcionará información sobre as liñas de financiamento dispoñíbeis para o sector turístico e, a continuación, terá lugar a sesión de networking.

PUBLICIDADE