SmartPEME pon o foco esta semana na ciberseguridade e na fabricación dixital

luns, 4 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades abordarán forma telemática cuestións relacionadas coa ciberseguridade e a fabricación dixital.
As accións formativas inícianse este luns, 4 de marzo, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, antivirus e actualización do software. Trátase dun obradoiro para dar a coñecer as medidas básicas que se deben implantar para manter protexidos os dispositivos ben sexa a través da actualización do software, da corrección de vulnerabilidades e do uso de antivirus.
Pola súa banda, o xoves 7, de 11:00 a 12:30 horas, celebrarase o obradoiro Da idea ao prototipo, explora o noso FabLab en Barro para dar a coñecer o FabLab que a Deputación de Pontevedra ten situado no Polígono de Barro. Neste caso presentarase o laboratorio e as actividades que se levarán a cabo ao longo deste ano.
Tanto o obradoiro sobre ciberseguridade do luns como a acción formativa sobre fabricación dixital do xoves serán impartidos polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire.

PUBLICIDADE