SmartPEME pon o foco na ciberseguridade, no SEO e na comercialización en liña

luns, 6 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana, a comprendida entre o 6 e o 10 de novembro, catro novas accións formativas telemáticas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Trátanse de obradoiros de ciberseguridade, posicionamento SEO, comercialización en liña, chat GPT e Stable Diffusion.
As accións formativas inícianse este luns, 6 de novembro, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, copias de seguridade. Trátase dun obradoiro para dar a coñecer a importancia de ter os datos apoiados nunha copia de seguridade fronte a calquera tipo de incidencia. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.
O martes 7, de 17:00 a 18:00 horas, será a quenda do obradoiro SEO para redes sociais, onde Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación e mercadotecnia dixital, explicará a importancia das redes sociais para o posicionamento nos resultados de busca de Google.
O mércores 8, entre as 11:00 e as 12:00 horas, impartirase o obradoiro Comercialización en liña de experiencias gastronómicas. O obxectivo deste taller é dar a coñecer e dominar as múltiples canles que ofrece internet para comercializar experiencias gastronómicas para permanecer na mente dos consumidores fronte á competencia. Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, será a encargada de impartir este obradoiro.
Finalmente o xoves 9, ás 12:00, desenvolverase a acción formativa ChatGPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento VI, onde continúa o itinerario dedicado aos modelos de Intelixencia Artificial, que neste sexto taller abordará as novas IA que veñen.

PUBLICIDADE