SmartPEME porá en xogo unha carteira de servizos para o sector turístico

martes, 12 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra vén de achegar máis novidades sobre o seu programa de formación e asesoramento tecnolóxico-dixital SmartPEME, logo de dar a coñecer hai uns días un importante medre (dun 50%) no número de asesoramentos ás empresas, aos profesionais e aos autónomos da provincia. Do que se trata agora é de ampliar esforzos cara ao turismo. Máis en detalle, a entidade provincial engadirá a SmartPEME unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros acaídas para as necesidades dos participantes. Estes datos foron subministrados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, durante unha xuntanza cos responsábeis de SmartPEME e cos axentes TIC presentes en cada unha das seis oficinas coas que conta este programa.
Amais das devanditas novidades (incremento nos asesoramentos, ampliación temática dos obradoiros adaptados ás características das persoas usuarias), Silva sinalou que a través do programa asesorarase ás persoas que integran o espazo de coworking do polígono de Barro-Meis, traballarase para a captación de novos colectivos (máis en detalle os comercios minoristas e o sector cooperativista) e elaborarase un plan de difusión para aumentar a presenza de SmartPEME no tecido empresarial. Para acadar isto último está programado enviar boletíns informativos periódicos, actualizar a páxina web do programa, subministrar correos electrónicos recordatorios coa programación dos obradoiros e incrementar a colaboración cos concellos para implantar espazos publicitarios que permitan incrementar o coñecemento da cidadanía deste proxecto.
Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará o que Silva e Dios denominaron “un dos seus proxectos máis ambiciosos”, a devandita carteira de servizos para o sector turístico. A través desta, sinalaron, “empregarase a base de datos da Smart Destination para identificar as necesidades do sector”, ademais de contar con actividades formativas “de alto impacto”, cun servizo de información e asesoramento personalizados e un calendario de accións de promoción específicas. Carmela Silva asegurou que “esta carteira de servizos terá un lugar destacado dentro do plan estratéxico que está a elaborar a Deputación de Pontevedra para o turismo da provincia”.
A presidenta provincial lembrou que nos últimos meses xa se incorporaron outras novidades como o asesoramento telemático, unha medida “fundamental para quen cremos na igualdade de oportunidades, xa que as persoas con diversidade funcional non teñen outra forma de acceder a este servizo”. A titular do Goberno provincial tamén recordou a incorporación dun kit de emprendedoras e emprendedores con “ferramentas doadas e rápidas para cada unha das fases de cadanseus proxectos” de mercado, un recurso que, recalcou, xa está dispoñíbel na páxina web de SmartPEME.
Tamén fixo fincapé no servizo SmartPEME Informa, que atende a temas de actualidade “cando algo alerta á sociedade, informando con rigor e aclarando dúbidas”, e SmartPEME Conecta, que pon en contacto ás persoas demandantes coas empresas que teñen ese tipo de produtos, “nos casos nos que o propio persoal do programa non pode dar resposta a esas necesidades.
Resultados excelentes”
Carmela Silva tamén informou que SmartPEME obtivo “uns excelentes resultados” debido a que “é unha moi boa idea que é necesario que se potencie aínda máis, para chegar ao conxunto da cidadanía". Este programa, lembrou, consiste en "levar ás persoas emprendedoras e autónomas e ás pequenas e medianas empresas da provincia as novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade, rachar coa brecha dixital que existe en moitos sectores como o do pequeno comercio ou o sector agrogandeiro, mellorar a eficacia e eficiencia da nosa rede empresarial e xerar maiores beneficios, maior emprego e, ademais, que ese emprego sexa de maior calidade”.
Silva recordou que este ano aumentouse “en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra”. Deste xeito, “preto de 3.300 persoas adquiriron novos coñecementos entre xullo de 2016 e xullo de 2017, un 45,5% máis que no período anterior”. Ademais, entre xaneiro e agosto de 2017 atendéronse un 26% máis de consultas, con preto de 1.000, organizáronse 210 obradoiros (un 6% máis) cunha asistencia de preto de 1.700 persoas (un 32% máis) e xeráronse 603 altas (un 3% máis).
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE