SmartPEME reforza co novo ano a súa vertente formativa.... e solidaria

luns, 27 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica das PEME, os profesionais e os autónomos da provincia, comezou 2020 coa vontade, redobrada pola institución provincial, de ser unha iniciativa enriquecedora para as empresas e para a sociedade pontevedresa. En primeiro lugar, a Deputación vén de adxudicar o servizo de evolución e xestión da rede para este ano 2020 e o 2021 á empresa KMPG Asesores por un orzamento de 975.018 euros. En segundo lugar, neste novo período SmartPEME aplicará os obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da Axenda 2030 (ONU) e máis dos principios da RSE, a Responsabilidade Social Empresarial.
Estas e outras novidades foron dadas a coñecer pola presidenta provincial, Carmela Silva, quen, ante todo, quixo salientar as boas cifras de participación acadadas polo programa, que, segundo dixo, só no ano 2019 foi quen de levar a cabo máis de 2.200 asesoramentos con 530 empresas da provincia e con actividades nas que participaron máis de 2.000 persoas.
Segundo explicou Silva, a aposta polos ODS da Axenda 2030 da ONU, centrarase nunha manchea de elementos e vertentes do programa: a carteira de servizos de SmartPEME Impulsa na contribución activa aos obxectivos de educación de calidade (número 4 dos ODS); a igualdade de xénero (número 5); o traballo decente e crecemento económico (8); a industria, a innovación e o crecemento económico (9) e a produción e o consumo responsábel (12).
Máis datos que cómpre saber sobre SmartPEME
SmartPEME, rede posta en marcha como tal en 2016, é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE