SmartPEME vén esta semana con catro obradoiros sobre IA, vídeos e creación de webs

luns, 27 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta última semana de novembro catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. As actividades abordarán cuestións relacionadas con Google Analytics, con como crear unha páxina web con WordPress, coa edición de vídeo a través de Capcut e tamén coa Intelixencia Artificial.
O martes 28 de 12.00 a 13.00 terá lugar o obradoiro de Google Analytics 4 para toma de decisións. A través desta acción formativa afondarase en como as ferramentas de analítica permiten descubrir o proceso que seguen as persoas usuarias desde que entran nunha web ata que a abandonan, para que as empresas poidan tomar mellores decisións de negocio. O taller será impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.
O mércores 29 haberá dous talleres. De 12.00 a 13.00 desenvolverase o curso Crea unha páxina profesional con WordPress I, onde se abordarán as posibilidades que ofrece a plataforma para crear un sitio web e o deseño, desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir unha plataforma profesional e optimizada. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, especializada en mercadotecnia dixital, será a encargada de dirixir este obradoiro.
Tamén o mércores, entre as 17.00 a 18.00 horas, desenvolverase o obradoiro Capcut I: edición de vídeo e as súas posibilidades co que as persoas participantes poderán aprender a editar vídeos facilmente en liña. A encargada de impartir este curso será Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
Finalmente, o xoves 30 de 12.00 a 13.00, desenvolverase o obradoiro Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión, onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, abordará diferentes cuestións relacionadas coa materia, como as redes neuronais, a clasificación de imaxes, a regresión ou, entre outras, o Jestson Nano.

PUBLICIDADE