SmartPeme+ (Deputación de Pontevedra) ofrece oito obradoiros de transformación dixital ata o 23 de xaneiro
luns, 19 de xaneiro do 2026
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana oito novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas requiren inscrición previa, celebraranse do luns 19 ao venres 23 de xaneiro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como os fluxos de traballo e o deseño web, a produtividade intelixente, os proxectos emprendedores, o manexo de Instagram, o cálculo de custos, a protección de datos, a comunicación efectiva e o deseño de ofertas.
Este luns 19 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, desenvolverase o obradoiro telemático Affinity by Canva V, organizado pola oficina de Ponteareas. As persoas participantes aprenderán a profesionalizar o fluxo de traballo en Affinity, desde a organización ata a entrega final, e a dominar a optimización para web, o arte final para imprenta e os sistemas de nomenclatura. Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario, será o encargado de impartir esta sesión para a que se pode formalizar a inscrición en liña.
O martes 20 de xaneiro celebraranse dúas sesións. A partir das 12.00 horas e organizada pola oficina de Barro, Manuel Tornos, experto en transformación dixital, afondará na mellora dos procesos con intelixencia artificial, nunha sesión na que analizará a IA xenerativa, a automatización de tarefas administrativas, as ferramentas clave para a produtividade e explicará boas prácticas e casos prácticos reais. As persoas interesadas pódense inscribir a través da Rede.
Pola tarde, a partir das 17:00 horas e organizada pola oficina de Vigo, a licenciada en Comunicación Sabela Álvarez, explicará o proceso de desenvolvemento dun proxecto emprendedor, desde a receita para unha idea de negocio, ata as preguntas para dar forma á idea e o desenvolvemento do proxecto. Neste caso, a inscrición debe formalizarse en liña.
O mércores están previstas dúas sesións. O obradoiro Como sacarlle partido ao Instagram do teu aloxamento, a partir das 12:00 horas e organizado pola oficina de Vigo, será impartido por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo, que detallará o funcionamento do algoritmo de Instagram e explicará como facer stories e reels (inscrición en liña). A partir das 17:00 e organizada pola oficina de Ponteareas, Guillermo Nass encargarase de introducir Notion para a xestión financeira, afondando no cálculo de custos e tempo, na incorporación de impostos e marxes, no deseño dunha táboa dixital e na interpretación e toma de decisións (as persoas interesadas deberán cubrir o formulario).
Serán tamén dúas as sesións que se desenvolverán o xoves 22 de xaneiro. Ás 12:00 horas e organizado pola oficina de Barro, celebrarase Protección de datos para as pemes III. Como actuar ante unha fenda de datos, na que Manuel Tornos, afondará en como xestionar unha crise e protexer o negocio cando hai un problema de seguridade na empresa (inscrición en liña). Pola tarde, a partir das 17:00 horas e organizada pola oficina de Vigo, levarase a cabo o obradoiro Comunicación efectiva para emprendedores, na que Sabela Álvarez detallará como comunicar para influír e motivar á audiencia e xerar confianza (inscrición).
Finalmente o venres 23 de xaneiro ás 12:00 horas está programado o taller Deseña as túas ofertas en cinco minutos, unha sesión na que Guillermo Nass ensinará a deseñar carteis e anuncios combinando fotos e textos para escaparates. As persoas interesadas neste obradoiro formativo deberán cubrir o formulario en liña.
A Deputación destina 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.
