SmartPeme+ achega catro novos obradoiros para acelerar a transformación empresarial

luns, 27 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 27 ao xoves 30 de outubro e afondarán en cuestións como o ensamblado de pezas no deseño 3D, o cálculo da rendibilidade dun aloxamento, a creación de tendas de comercio electrónico e a metodoloxía para lanzar novos proxectos emprendedores, entre outros.
Este luns 27 de outubro celebrarase o obradoiro en liña OnShape 5-Montaxe ou ensamblado de pezas, a partir das 11:30 horas organizado pola oficina de Barro. As persoas participantes aprenderán a unir e conectar diferentes pezas nun só proxecto explorando as ferramentas de montaxe e definindo os niveis de axuste e mobilidade, esenciais para simular o funcionamento dun produto. A sesión será impartida por Manuel Tornos, con máis de 30 anos de experiencia en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e as inscricións pódense realizarse en liña.
O martes 28 de outubro ás 11:00 horas terá lugar o obradoiro presencial Como calcular a rendibilidade do teu aloxamento coordinado pola oficina de Vigo. Esta sesión abordará como analizar os custos fixos e variables que unha propiedade debe ter en conta para calcular o seu punto de equilibrio. As persoas participantes coñecerán as fórmulas que lles permitirán calcular a rendibilidade utilizando cifras da base de datos, facturas e reservas. A formación será impartida por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector. As inscricións están abertas.
O mércores 29 de outubro ás 12:00 horas tamén a oficina do Vigo desenvolverá o obradoiro telemático Woocommerce I. A solución que buscabas para vender por Internet. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con máis de 5 anos de experiencia en mercadotecnia dixital e comercio electrónico, ensinará como crear e xestionar tendas en liña con Woocommerce, o plugin de balde de WordPress. As persoas interesadas poden inscribirse inscribirse en liña.
Por último, o xoves 30 de outubro celebrarase o obradoiro en liña Introdución ao Lean Startup, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina do Ponteareas. As persoas participantes afondarán nos principios básicos da metodoloxía Lean Startup, un enfoque práctico e dinámico que se pode aplicar a calquera idea de negocio para crear e xestionar novos proxectos emprendedores. A sesión, cun enfoque participativo e accesible, será impartida por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación e formadora acreditada en emprego e emprendemento, e as inscricións pódense realizar en liña.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.