SmartPeme+ achega dous obradoiros de transformación dixital nestas penúltima semana de xullo
luns, 21 de xullo do 2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato presencial, celebraranse entre o martes 22 e o mércores 23 de xullo e afondarán en temas candentes para a transformación dixital de pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e profesionais da provincia.
O martes 22 de xullo celebrarase o obradoiro Desenvolvemento de clientes paso a paso: explora, valida e lanza, a partir das 10:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade e emprendemento, dará a coñecer unha metodoloxía clave para quen desenvolva unha nova idea de negocio, lance un produto innovador ou busque adaptar o seu modelo actual ao que realmente necesita o mercado. As persoas interesadas pódense inscribir no formulario habilitado.
Por outra banda, o mércores 23 de xullo ás 17:00 horas celebrarase o obradoiro Aplicacións de IA para automatizar procesos na túa empresa I coordinado pola oficina do Cambados. A sesión introducirá ás persoas participantes no uso práctico de ferramentas de Intelixencia Artificial para automatizar procesos, mellorar a eficiencia operativa e optimizar a toma de decisións nas súas organizacións. Será impartida por José Luis Taboada, asesor na propia oficina con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar as persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.
