SmartPeme+ achega esta semana sete novos obradoiros de transformación dixital

luns, 26 de xaneiro do 2026 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas requiren inscrición previa, celebraranse do luns 26 ao venres 30 de xaneiro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a intelixencia artificial, a rede social Instagram, os programas de xestión hostaleira ou os códigos QR. As sesións arrincan este luns 26 ás 12.00 horas co obradoiro Mellora de procesos con IA II - Marketing con IA, contido que impacta.
As persoas participantes neste obradoiro de mercadotecnia aprenderán a deseñar carteis e anuncios de impacto, combinando fotos e textos para que as súas ofertas se lean con claridade e atraian clientela de inmediato. As inscricións pódense realizar en liña.
A seguinte sesión deste obradoiro será o xoves 29 ás 12:00 horas, tamén telemática, centrada na Estratexia baseada en datos e onde os participantes aprenderán a utilizar a intelixencia artificial para comprender mellor as vendas, analizar a competencia e tomar decisións baseadas en datos de forma sinxela, sen necesidade de ser experto en matemáticas (inscricións abertas na Rede). Ambas formacións serán impartidas polo asesor do Centro de Desenvolvemento Industrial Informatizado de Barro, Manuel Tornos.
O martes 27 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático Instagram para principiantes I, coas claves básicas desta aplicación para novos usuarios. As inscricións pódense realizar xa a través do formulario habilitado. O xoves 29 ás 17:00 horas celebrarase a segunda parte deste obradoiro, tamén de forma telemática, con algúns conceptos máis complexos na xeración de contido visual nesta ferramenta. As inscricións pódense realizar nesta tamén en liña e ámbalas dúas formacións serán impartidas por Lara Taboada, licenciada en Educación Artística en Deseño Gráfico, con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa.
O mércores 28 de xaneiro desenvolveranse dúas sesións telemáticas. A primeira delas, a cargo da licenciada en Turismo Patricia Cabaleiro, será Programas de xestión hostaleira, na que se achegará información sobre plataformas que permiten un traballo organizado e profesional, para aforrar tempo e erros nas operacións diarias dun aloxamento. As persoas interesadas pódense inscribir vía web. A segunda leva por título A túa marca nun QR, tarxetas para destacar e servirá para deseñar estas tarxetas virtuais que permiten facer unha ponte entre o papel e o móbil para dar visibilidade ás marcas e facilitar a conexión coa clientela. As inscricións están abertas tamén.
Finalmente o venres 30 de xaneiro, ás 12:00 horas, desenvolverase o obradoiro en liña Conversas que convencen: xestiona críticas e pecha vendas, a cargo Guillermo Nass, TSU en Deseñador Gráfico Publicitario. Na sesión os participantes aprenderán a crear un sistema de respostas rápidas para redes sociais e WhatsApp co que xestionar críticas con elegancia e dar prezos de forma que a clientela queira mercar, cos obxectivos de mellorar a comunicación, aforrar tempo e aumentar as vendas. As inscricións pódense realizar en liña.
Lembrar que a Deputación de Pontevedra destina neste ano 740.000 euros á Rede SmartPeme que, por vez primeira, coordinarase co servizo Polos de Emprendemento da Xunta co obxectivo “de cubrir o territorio da provincia”. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.