SmartPeme+ achega esta semana tres novos obradoiros sobre IA e nova mercadotecnia
luns, 28 de abril do 2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana (do 28 de abril ao 30 de abril) tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa) afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a Intelixencia Artificial ou distintas variedades de mercadotecnia dixital.
Este luns 28 celebrarase o obradoiro telemático IA - Como facer prompts correctos, organizado pola oficina de Barro a partir das 12:00 horas da man do asesor de Centro Provincial da Economía Dixital, Manuel Tornos. Neste obradoiro os participantes van aprender a dominar a Intelixencia Artificial creando indicacións precisas, descubrindo técnicas avanzadas, evitando erros comúns e explorando aplicacións prácticas. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 29, en formato telemático tamén ás 12:00 horas e organizado pola oficina do Porriño, celebrarase o obradoiro Promove o teu negocio: márketing sectorial, viral, email e publicidade, coas claves para aprender a elaborar un plan axeitado de mercadotecnia dixital. As inscricións pódense realizar no formulario dispoñible e será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento.
Por último, o mércores 30 realizarase o obradoiro telemático Optimiza a túa estratexia de marketing por correo electrónico con Benchmark Email, organizado pola oficina de Cambados ás 11.00 horas. Nel, os participantes aprenderán a transmitir as súas mensaxes a través do correo electrónico e de ferramentas específicas que permiten mellorar o deseño e medir o impacto das campañas e mais os seus resultados. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado por SmartPeme+.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 obradoiros formativos e actividades complementarias.
