SmartPeme+ achega media ducia de obradoiros TIC nesta recta final de marzo

luns, 24 de marzo do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da rede de capacitación tecnolóxica empresarial e profesional SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 24 e o xoves 27 de marzo e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son a ciberseguridade, a mercadotecnia de crecemento, a creación de sitios web con WordPress, a rede social Instagram e o posicionamento web (SEO).
O luns 24 celebraranse dous obradoiros telemáticos. O primeiro deles, ás 11:00 horas organizado polo punto SmartPeme+ de Barro, versará sobre ciberseguridade e cifrado de dispositivos móbiles da man do asesor de Centro Provincial da Economía Dixital, Manuel Tornos. O obxectivo é achegar información sobre a importancia de protexer estes dispositivos dada a súa relevancia á hora de xestionar un negocio. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
Tamén o luns, telemático ás 17:00 horas, neste caso organizado pola oficina do Porriño, celebrarase o Obradoiro centrado en Growth Marketing ou Marketing de Crecemento, unha estratexia enfocada a un crecemento sostido no tempo en base ao estudo de datos e á metodoloxía de ensaio/erro, así como á posta do usuario no centro, buscando resultados a longo prazo. As inscricións pódense realizar no formulario subido á Rede e será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia en comunicación dixital e mercadotecnia en liña.
O martes 25 realizarase o obradoiro telemático Crea unha páxina profesional con WordPress II, organizado polo punto SmartPeme+ de Lalín e con comezo ás 12.00 horas. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, continuará esta formación que nesta sesión se centrará na creación de formularios, a integración de redes sociais e o emprego de deseñadores de maquetación visuais para mellorar o aspecto visual do sitio web. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado pola rede SmartPeme+.
O mércores 26 realizarase de xeito telemático ás 12:00 horas o obradoiro Instagram para principiantes II, organizado pola oficina de Pontevedra da man de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto. Nesta sesión analizaranse os conceptos de xeración de contido visual como os reels, tendencias e ganchos, así como ideas e ferramentas para crear contidos. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O xoves 27 remata a programación da semana con dúas accións. A primeira delas será presencial, na oficina de Ponteareas ás 9:30 horas, baixo o título Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrado en Dirección de Comunicación Corporativa, e no obradoiro adestrarase á persoas participantes nesta ferramenta desde un enfoque profesional, dando a coñecer as súas funcionalidades e recomendando estratexias en función dos obxectivos. As inscricións poden realizarse desde o formulario da rede SmartPeme+.
A segunda das accións do xoves terá lugar a partir das 17:00 horas, organizado pola oficina de Vigo de forma telemática. Trátase do obradoiro Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console, no que os participantes aprenderán a empregar esta ferramenta para optimizar o seu sitio web para que sexa atopado correctamente polos motores de busca como Google e que poidan aparecer nos resultados das procuras dos usuarios. As inscricións pódense realizar a través do formulario subido e a acción formativa será impartida por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrao en Comunicación Corporativa.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co medre empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 obradoiros formativos e actividades complementarias.