SmartPeme+ arrinca novembro con catro novos obradoiros de transformación TIC

luns, 3 de novembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta primeira semana de novembro catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 3 ao xoves 6 de novembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a intelixencia artificial, o posicionamento en buscadores, a ciberseguridade, as redes sociais ou a mercadotecnia por correo electrónico (e-mail marketing) entre outros.
Este luns 3 de novembro celebrarase o obradoiro telemático Como empregar a IA para facer SEO, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. As persoas participantes aprenderán como as novas ferramentas de intelixencia artificial poden resultar moi útiles á hora de preparar unha estratexia de posicionamento en buscadores. A sesión será impartida por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia asesorando empresas no ámbito da mercadotecnia dixital, e as inscricións pódense realizar en liña.
O martes 4 de novembro ás 11:00 horas celebrarase o obradoiro en liña Ciberseguridade sen complicacións: protexe o teu día a día coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión abordará os aspectos clave para protexer a información persoal e profesional na contorna dixital e serán explicados por Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos en novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar tamén a través da Rede.
O mércores 5 de novembro ás 12:00 horas a oficina de Lalín organiza o obradoiro telemático Copywriting I - Redes Sociais. As persoas participantes descubrirán como as palabras poden converter as súas publicacións nas redes sociais en conversacións e as persoas seguidoras en clientela. Coñecerán como escribir de maneira máis familiar, auténtica e persuasiva, adaptándose a públicos locais. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, será a encargada de impartir a sesión e as inscricións para a mesma pódense realizar no formulario habilitado.
Por último, o xoves 6 de novembro tamén ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro telemática Optimiza a túa estratexia de e-mail marketing con Benchmark E-mail a través da oficina de Cambados. José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 30 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos, ensinará como transmitir unha mensaxe, produto ou servizo a través do correo electrónico cunha ferramenta específica, así como mellorar o seu deseño e medir o impacto das campañas. As persoas interesadas poden inscribirse en liña.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.