SmartPeme+ fórmanos esta semana en redes sociais, deseño 3D e factura electrónica

luns, 10 de novembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas requirindo inscrición previa), celebraranse do luns 10 ao xoves 13 de novembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como as redes sociais, a mercadotecnia dixital, o deseño 3D e, entre outros, a factura electrónica.
Este luns 10 de novembro celebrarase o obradoiro telemático Organiza, planifica e programa os teus proxectos I - Coñece Metricool a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. As persoas participantes aprenderán paso a paso a dominar Metricool e poder así configurar unha conta, programar publicacións e comprender a análise das métricas máis importantes. A sesión será impartida por Guillermo Nass, titulado superior en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en redes sociais, e as inscricións pódense realizar en liña.
O martes 11 de novembro ás 11.00 horas celebrarase o obradoiro en liña Deseño 3D para pemes: transforma o teu negocio dende dentro coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión abordará como o deseño industrial pode axudar a mellorar procesos, comunicar ideas e fortalecer un negocio a través de exemplos da vida real e estratexias para aplicar o deseño 3D en diferentes sectores, que serán explicados por Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos en novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar a través da Rede.
O mércores 12 de novembro ás 11:00 horas a oficina do Porriño organiza o obradoiro telemático Factura electrónica vs Verifactu: diferenzas, obrigas e solucións. As persoas participantes descubrirán en detalle VeriFactu, o novo sistema de facturación verificada promovido pola Axencia Tributaria Española, e como afectará aos autónomos e ás empresas. Na sesión, analizaranse as obrigas impostas pola normativa, os prazos de implantación e as implicacións técnicas e legais. Ademais, mostrarase unha solución práctica para automatizar o proceso de facturación electrónica con WooCommerce de Wordpress e poder adaptarse así á nova normativa dun xeito sinxelo e seguro. Jairo Ochoa, con máis de 20 anos de experiencia en temas relacionados coas novas tecnoloxías, será o encargado de impartir a sesión e as inscricións para a mesma pódense realizar en liña.
Por último, o xoves 13 de novembro tamén ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro en liña O teu plan de márketing dixital paso a paso a través da oficina de Pontevedra. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla experiencia en comunicación e mercadodecnia dixital, ensinará que é un plan de marketing dixital, para que serve e como crealo paso a paso con exemplos reais. As persoas interesadas poden inscribirse xa de xeito online.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.