SmartPeme+ móstranos como facer campañas en liña de Nadal

martes, 9 de decembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do martes 9 ao venres 12 de decembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a planificación financeira, as campañas de Nadal ou o deseño gráfico, entre outros.
Este martes 9 de decembro a partir das 12.00 horas está programado o obradoiro telemático Affinity by Canva II - marca e coherencia organizado pola oficina de Ponteareas. As persoas participantes abordarán aspectos como as tipografías ou a psicoloxía da cor e tamén aprenderán a deseñar un banner publicitario para as redes sociais coa identidade visual da súa marca. A sesión será impartida por Guillermo Nass, técnico superior universitario en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en mercadotecnia dixital, e as inscricións pódense realizar xa en liña.
O mércores 10 de decembro ás 12.00 horas celebrarase o obradoiro en liña Planificación financeira para emprendedores coordinado pola oficina de Vigo. Esta sesión amosará as claves para elaborar un plan económico que garanta a viabilidade dos proxectos empresariais. Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación con experiencia en emprendemento, explicará os pasos máis importantes a ter en conta e as persoas interesadas pódense inscribir xa na Rede.
O xoves 11 de decembro ás 12:00 horas a oficina de Vigo tamén organiza o obradoiro telemático Crea campañas de Nadal para aumentar as reservas do teu aloxamento. Nesta sesión as persoas participantes aprenderán como dar a coñecer a súa empresa, os seus servizos e os seus valores mediante promocións atractivas. Da man de Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, coñecerán as vantaxes de utilizar esta técnica da mercadotecnia, así como mellorar o deseño e medir o impacto das campañas. As inscricións pódense formalizarse xa xa en liña.
Finalmente, o venres 12 de decembro ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro en liña Affinity by Canva III - Affinity Photo: edición profesional tamén a través da oficina de Ponteareas. Esta nova sesión, que conta un vez máis con Guillermo Nass como profesor, afondará na edición rápida de fotografía de produto para impactar e vender. As persoas participantes aprenderán a corrixir a luz e o contraste, eliminar fondos con máscaras e retocar pequenas imperfeccións para conseguir unhas fotos profesionais, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.