SmartPeme+ ofrece seis novos obradoiros TIC entre o 21 e o 25 de abril

luns, 21 de abril do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana (do 21 ao 25 de abril) seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático (todas elas requiren inscrición previa), afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son os infoprodutos, o comercio en liña, a fotografía de produto, estratexias de contido, análise de datos e o concepto de Produto Mínimo Viábel.
Este luns 21 celebrarase o obradoiro telemático Infoprodutos II. Deseña un lead magnet para aumentar os teus subscritores, coordinado pola oficina de Lalín a partir das 12:00 horas. Nesta segunda sesión do obradoiro os participantes afondarán no concepto de lead magnet, unha serie de incentivos para o crecemento óptimo dos negocios en liña que permiten aumentar os contactos. Será impartido por Fátima Faílde (licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, cun posgrao en Comunicación e Industrias Creativas e experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa) e as inscricións pódense realizar no formulario xa dispoñíbel.
O martes 22, en formato telemático ás 12:00 horas, a oficina de Vigo coordina o obradoiro Woocommerce II. A solución que buscabas para vender por Internet. Nesta sesión os inscritos poderán seguir afondando nesta solución de comercio electrónico, aprendendo a instalalo, configuralo, distinguir entre as distintas opcións que ofrece para engadir produtos e os distintos plugins de seguridade, pedidos ou campos co que se poden complementar. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado e será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrao en Comunicación Corporativa.
A oficina de Vigo tamén coordina o martes outro obradoiro telemático, ás 17:00 horas, Presentación do Produto Mínimo Viábel (PMV), no que se explicará o significado deste concepto e a súa importancia no desenvolvemento de ideas de negocio, así como a diferenza entre este e un prototipado. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento. O formulario de inscricións para esta acción formativa pode atoparse na ligazón xa dispoñíbel.
O mércores 23 será o obradoiro telemático Xera unha estratexia de contido gañadora con ChatGPT, organizado polo punto SmartPeme+ do Porriño e con comezo ás 12:00 horas. As persoas participantes aprenderán a utilizar a Intelixencia Artificial para crear unha estratexia de contido sólida e adaptada ao seu negocio, xerando publicacións que conecten coa súa audiencia. O obradoiro será impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario.
Tamén o mércores, pero en modalidade presencial ás 18:00 horas na oficina de Ponteareas, celebrarase o obradoiro Fotografía de produto para o teu E-commerce e redes sociais. A acción incidirá na importancia da fotografía como escaparate en liña, e na atención que se lle debe prestar á luz ou a composición das mesmas. As persoas asistentes aprenderán sobre ferramentas, materiais e practicarán con programas de edición en liña. Será impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto. As inscricións pódense realizar o formulario dispoñíbel.
O xoves 24 remata a programación da semana cun obradoiro presencial no punto SmartPeme+ de Cambados ás 17:00 horas, co título Power BI dende cero II, que seguirá afondando na ferramenta Microsoft Power BI para a análise de datos. Nesta lección, impartida polo asesor da oficina, Jose Luis Taboada, abordaranse conceptos como o modelado de datos, as visualizacións, a creación de informes ou o DAX. As inscricións poden realizarse dende o formulario dispoñíbel.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.