SmartPeme+ pon o foco na nova mercadotecnia, na IA, os podcasts e Pinterest

luns, 12 de maio do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana do 12 ao 16 de maio media ducia de obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas con inscrición previa requirida), afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son o Inbound Marketing, a Intelixencia Artificial, os podcast, a rede social Pinterest e os informes de viaxes.
O luns 12 celebrarase o obradoiro telemático Inbound Marketing, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Cambados. Este obradoiro tratará de mostrar o impacto que ten esta técnica como unha forma de achegarse ao usuario a través do acompañamento á clientela ao longo do proceso de compra. Será impartido por José Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 13, en formato telemático tamén ás 11:00 horas, realizarase o obradoiro Audiomarketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast coordinado pola oficina de Ponteareas. Porase o foco nas posibilidades do formato podcast (unha publicación de audio dixital dispoñible en Internet e aplicacións), cuxo éxito reside en que é un bo método para asimilar conceptos completamente compatibles con outras actividades. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, e as inscricións pódense realizar no formulario xa dispoñible.
O mércores 14, ás 12:00 horas e coordinado pola oficina do Porriño, será a quenda do obradoiro Pinterest para negocios. As persoas participantes aprenderán a empregar esta ferramenta que non só é unha rede social senón un buscador visual onde millóns de persoas atopan inspiración para comprar, polo que pode aumentar a visibilidade e atraer tráfico cualificado. Será impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O xoves 15 realizarase o obradoiro telemático Recomendacións para o uso da intelixencia artificial na programación, ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Barro. Os asistentes aprenderán a integrar a Intelixencia Artificial no seu fluxo de traballo de programación explorando como pode axudar a escribir código máis eficiente, depurar erros, xerar documentación e optimizar o rendemento das aplicacións. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar no seu formulario.
Por último, tamén o xoves pero en formato presencial de 16:30 a 18:30 horas en Ponteareas, baixo o nome Novo parte de viaxeiros a través de SES Hospedajes, as persoas participantes van aprender e resolver todas as dúbidas relativas a este informe de viaxes, explorando a nova normativa, os seus cambios e o rexistro na plataforma. O obradoiro será impartido por Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, e as inscricións poden formalizarse no formulario xa dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.