SmartPeme+ pon o foco no ecommerce, os infoprodutos ou o informe de viaxeiros de SES Hospedajes

luns, 7 de abril do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+, rede formativa que pon o foco na transformación e a capacitación dixital de empresas, persoas autónomas e profesionais. As accións, en formato tanto presencial como telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre este luns 7 e o xoves 10 de abril e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son o comercio electrónico, a xeolocalización, o informe SES Hospedajes, os infoprodutos e o posicionamento en buscadores.
Este luns 7 ás 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático Woocommerce I. A solución que buscabas para vender por Internet. A acción, coordinada polo punto SmartPeme+ de Vigo, afonda nesta sinxela ferramenta (plugin de WordPress de código aberto e gratuíto) que permite montar unha tenda online cunha catálogo non moi amplo. O obradoiro abordará a instalación, características, pasarelas e formas de pago, así como a inclusión de produtos e xestión de pedidos. Será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, cun posgrao en Comunicación Corporativa e un mestrado en mercadotecnia dixital, con experiencia neste ámbito e no comercio electrónico. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 8 celebrarase tamén en formato telemático o obradoiro Infoprodutos I. Que son e como crealos, coordinado pola oficina de Lalín. Os participantes aprenderán que son os infoprodutos e como poden axudar a crear un negocio que se xestiona de maneira automática. As inscricións para esta acción, impartida por Fátima Faílde (licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, cun posgrao en Comunicación e Industrias Creativas e experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa), poden realizarse no formulario xa dispoñíbel.
O mércores 9 terá lugar na oficina de Cambados a partir das 17:00 horas o obradoiro Novo parte de viaxeiros a través de SES Hospedajes, no que os participantes van aprender e resolver todas as dúbidas relativas a este informe de viaxes, explorando a nova normativa, os seus cambios e o rexistro na plataforma. O obradoiro será impartido por Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, e as inscricións poden formalizarse no formulario en liña.
O xoves 10 a partir das 9:30 horas a oficina de Ponteareas celebra de xeito presencial o obradoiro Presenza en Internet e técnicas SEO. Este curso básico de conceptos web está centrado na importancia dun sitio profesional e as súas vantaxes como empresa, ademais do seu correcto posicionamento en Internet mediante técnicas libres. As inscricións poden realizarse no formulario habilitado e será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa.
Por último, tamén o xoves ás 17:00 horas de xeito telemático, celebrarase o obradoiro Promociona o teu negocio co Perfil de empresa de Google. Esta acción dará a coñecer a ferramenta de Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade grazas á xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poidan facer empregando o motor de busca máis popular. O obradoiro será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia no ámbito da comunicación dixital e a mercadoecnia en liña, e as inscricións poden formalizarse no formulario dispoñibel na Rede.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.