SmartZ4Milk impulsa proxectos de IA e blockchain para garantir a máxima seguridade alimentaria
martes, 15 de outubro do 2024
O proxecto SmartZ4Milk, liderado por Grupo Lence e promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, avanza en seguridade alimentaria, rastrexabilidade e sustentabilidade na industria láctea, botando man das máis avanzadas tecnoloxías (Intelixencia Artificial, cadea de bloques, análise de datos a gran escala, etc). Coincidindo co Día Mundial da Alimentación 2024, cuxo lema é Dereito á alimentación para unha vida e un futuro mellores, SmartZ4Milk pretende dar resposta a estes retos globais.
Segundo explican dende CLUSAGA, un dos dos logros máis relevantes do proxecto é a creación da plataforma PITSA, desenvolvida pola tecnolóxica galega Plexus, unha ferramenta que asegura a rastrexabilidade do leite, desde a súa recollida ata o consumidor final, recompilando datos en tempo real sobre roteiros, tempos de transporte, procesos de produción ou distribución. “Grazas á tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain), a plataforma PITSA garante unha un seguimento dixital certificado do produto, ofrecendo á consumidores información fiábel e transparente sobre a calidade dos produtos lácteos”, engaden dende o Clúster.
En paralelo, a queixería coruñesa Queizuar levou á práctica a plataforma asmCore, que utiliza Intelixencia Artificial para facer monitoraxe da produción en tempo real, o que “permite realizar un seguimento detallado de lotes, tempos e cantidades producidas, reforzando a seguridade alimentaria ao prever anomalías no proceso produtivo”. O Clúster destaca que a integración de asmCore con PITSA asegurará a rastrexabilidade desde a granxa ata a mesa, “beneficiando tanto a produtores como a consumidores”.
Así mesmo, a compañía biotech lucense AMSLab desenvolveu unha técnica innovadora para distinguir entre as variantes de betacaseína A1 e A2, proteínas presentes no leite. Esta técnica, baseada na proteómica, responde á crecente demanda de produtos lácteos que conteñan só betacaseína A2, coñecida polos seus beneficios potenciais. Con este avance, SmartZ4Milk mellora o seguimento e a calidade dos produtos lácteos no mercado.
Compromiso coa sustentabilidade
A sustentabilidade é un eixo central do proxecto, especialmente relevante no contexto do Día Mundial da Alimentación, que convida a reflexionar sobre a produción responsable de alimentos. A través da plataforma PICSA e a integración de ferramentas como Green Data, SmartZ4Milk está a optimizar o uso de recursos como a auga e a enerxía, reducindo as emisións de CO2 e os residuos xerados durante a produción. “Este enfoque alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), reafirmando o compromiso do sector lácteo galego cun futuro máis sostible e eficiente”, lembran dende CLUSAGA, engadindo que tamén se deron importantes avances na creación de produtos máis sustentábeis, na implantación de prácticas agrícolas responsábeis e na mellora da eficiencia enerxética. Tamén se están definindo índices de circularidade do sector, que se compararán con produtos competidores, para transformar os desafíos en oportunidades e aliñarse coa nova Política Agraria Común (PAC).
Un modelo para o futuro do sector lácteo
Ao longo de outubro, SmartZ4Milk continuará coas probas in situ das novas tecnoloxías implementadas, co que o proxecto “marcará un fito na dixitalización do sector lácteo, con innovacións que benefician ás empresas participantes e que posicionan a Galicia como un referente en seguridade alimentaria, rastrexabilidade dixital e sustentabilidade”.
Coa colaboración de diversas empresas galegas e a aplicación de tecnoloxías como a IA e a cadea de bloques (blockchain), SmartZ4Milk “impulsa unha transformación na industria láctea, contribuíndo a un sistema alimentario máis resiliente e accesíbel para todos”, destacan dende a agrupación empresarial galega.
SmartZ4Milk abrangue 18 proxectos primarios. Cun orzamento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda de 9,7 millóns de euros, o proxecto está financiado polo Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. Promovido por CLUSAGA e liderado por Grupo Lence, o proxecto executarase ata xuño de 2025. Participan empresas lácteas como CAPSA FOOD, Queizúar, Queixería Prestes, CLUN e Bico de Xeado, así como empresas tecnolóxicas como Plexus Tech, Sixtema, ASM Soft e Grupo ASMLab.