Smartiago acadou o primeiro premio dos Procura + Awards na categoría de Compra Pública de Innovación

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

O Concello de Santiago acadou o primeiro premio dos galardóns Procura + Awards na categoría de Compra Pública de Innovación do Ano. Fíxoo grazas a Smartiago, o proxecto para estender as tecnoloxías intelixentes a toda a cadea de xestión municipal da cidade, de xeito integral. No palmarés Compostela superou ao proxecto BIM, presentado pola cidade de Praga, que trata sobre a creación de innovación enerxética neta cero a través de adquisicións na construción.
A cerimonia dos premios, que se celebrou de xeito telemático, contou coa representación, por parte do Concello de Santiago, de Antón Varela Tourón, asesor do Goberno municipal, e Jesús Rodríguez Castro, xefe de servizo da área de Informática do Concello e responsable técnico do proxecto Smartiago.
Os premios Procura + Awards están xestionados e coordinados por ICLEI - Gobernos Locais para a Sustentabilidade; unha rede global de máis de 2.500 gobernos locais e rexionais comprometidos co desenvolvemento urbano sustentábel, activa en máis de 125 países. Trátase dunha entidade que integra a autoridades públicas europeas e rexións que conectan, intercambian e actúan sobre adquisicións sostibles e innovadoras.
Lembrar que o pasado mes de setembro, Smartiago tamén foi seleccionado como un dos finalistas dos Premios Europeos de Adquisición da Innovación (EUIPA) 2021. Estes premios, outorgados polo programa Horizon Europe, co apoio do Consello Europeo de Innovación, recoñecen os casos máis destacados en toda Europa de promoción da adquisición de innovación por parte de compradores públicos e privados, destacando ademais a colaboración entre comprador (neste caso, o Concello de Santiago) e os provedores para levar as solucións avanzadas ao mercado.

Smartiago

O proxecto Smartiago nace froito da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica.
A consecución destes obxectivos realizarase a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago artéllase en tres retos para tentar acadar estes obxectivos:
Reto 1: Mobilidade intelixente e sustentábel
Reto 2: Xestión sustentábel e intelixente de RSU
Reto 3: Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

PUBLICIDADE