Snap presenta unhas lentes de realidade aumentada tan caras como antiestéticas
mércores, 17 de xuño do 2026
Snap deu a coñecer as SPECS, unhas novas lentes de realidade aumentada transparentes que integran capacidades de computación espacial sen necesidade de depender dun teléfono móbil, un ordenador externo ou unha batería adicional que chegará ao mercado no outono a un prezo estratosférico (2.295 euros), estando xa aberto o seu proceso de reserva en territorios como Francia.
Fabricadas en polímero suízo TR90, estarán dispoñibles en tamaños de 47 e 52 milímetros e cun peso de 132 e 136 gramos respectivamente. Tamén admitirán lentes graduadas intercambiables para adaptarse a distintas necesidades visuais. Este voluminoso deseño xoga un papel tan na contra do produto como o seu elevado prezo.
As lentes incorporan unha pantalla propia baseada na tecnoloxía LCOS (Liquid Crystal on Silicon) desenvolvida por Snap, cun campo de visión de 51 graos e capacidade para mostrar 16 millóns de cores.
A superficie virtual visible equivalería a unha pantalla de escritorio de 24 polgadas para tarefas de produtividade ou a unha pantalla de cine doméstico de ata 115 polgadas situada a uns tres metros de distancia.
As SPECS empregan dous procesadores Snapdragon: un dedicado á visión artificial e outro á execución das aplicacións de realidade aumentada, coñecidas dentro do ecosistema de Snap como Lenses.
Esta configuración permite realizar seguimento das mans en tempo real, reducir a latencia e mellorar a interacción co contido dixital. Snap asegura que o sistema alcanza unha latencia de só sete milisegundos entre o movemento e a actualización da imaxe, contribuíndo a que os elementos virtuais parezan fixados ao mundo real.
Entre os usos previstos figuran a navegación mediante indicacións superpostas sobre o entorno, medicións espaciais, asistencia contextual mediante intelixencia artificial e reprodución de contidos multimedia nunha pantalla privada de gran tamaño.
A autonomía prevista sería de ata catro horas de uso mixto, incluíndo reprodución de audio e vídeo, aplicacións de realidade aumentada, funcións de IA e notificacións Bluetooth. O estoxo de carga incluído proporciona catro recargas adicionais, elevando a autonomía total ata unhas vinte horas.
Para acompañar o lanzamento, Snap puxo en marcha unha campaña internacional fotografada por Steven Meisel e protagonizada por diversas figuras creativas e mediáticas, entre elas Jimmy Butler, Imogen Heap, Hoyeon, Jack Harlow e Kaia Gerber, que colaborarán na creación de novas experiencias para SPECS de cara á súa chegada ao mercado este outono.

- Kaia Gerber é unha das protagonistas da campaña publicitaria das SPECS que corre da man do célebre fotógrafo Steve Meisel (de quen puidemos ver unha impresionante exposición na Coruña hai uns anos)
