Snapchat perde usuarios tras o seu redeseño

martes, 7 de agosto do 2018 Marcus Fernández

As malas novas para Snapchat parecen non querer chegar soas, de xeito que coinciden na mesma xornada a presentación de resultados do segundo trimestre de 2018 de Snap Inc. co anuncio dunha filtración de código fonte da súa aplicación para iOS a través de GitHub.
A presentación de resultados sería unha mala nova para a compañía porque confirmaría que o redeseño de Snapchat o ano pasado, criticado por moitos usuarios que incluso recolleron sinaturas para pedir o regreso do deseño anterior (sumando máis de 1,2 millóns de apoios), foi un erro que como consecuencia directa tería a caída dun 2% do número de usuarios activos ao día, ou sexa, que en só un trimestre pasaría de 191 a 188 millóns, mentres que as historias de Instagram non paran de medrar, superando os 400 millóns de usuarios activos (marca impresionante se temos en conta que só teñen 2 anos).
Aínda que Snap conseguise medrar en ingresos de xeito considerable, o feito de que a compañía deixase de medrar e fracasase tamén na súa liña de hardware (coas lentes con cámara Spectacles), fai que o futuro da compañía non estea nada claro e, aínda que poida manterse como unha plataforma de certo éxito nalgúns países, está moi lonxe do que se prevía hai un par de anos.

Filtración de código fonte

No que se refire ao código fonte da aplicación de Snapchat para iOS, en GitHub hai un fragmento de código que agora non está dispoñible para o público (tras a presentación dunha reclamación) pero que tería estado dispoñible durante un par de meses, expondo o código fonte dunha actualización da aplicación móbil.
Aseguran que a revelación do código non suporá ningún problema de seguridade para os usuarios, e semella ser obra dun usuario que detectou un fallo de seguridade en Snapchat e ante as dificultades para contactar cos responsables da compañía, optou por publicar os fragmentos de código nos que había problemas en GitHub.

PUBLICIDADE