Só Abanca, Sabadell e Caixabank permiten empregar o galego nas súas web, apps e caixeiros

venres, 14 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe en Santiago un demoledor informe sobre o estado de saúde do galego no ámbito bancario e, máis en detalle, sobre as posibilidades que ten un galego falante de ser atendido na súa lingua a través das canles dixitais e de desenvolver diferentes operacións trámites en galego. As conclusións, aínda que se prognosticaban negativas, resultan máis desoladoras do agardado: ningún banco, nin sequera os nosos, garante o dereito a usar o galego.
Esta é unha das realidades desveladas polo Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias da Mesa. Outras realidades descobren que nin o Santander (e as súas filiais) nin o BBVA traduzan a súa páxina web, malia sumar, entre as dúas entidades, o 40% das contas bancarias da nosa terra.
No lado “non tan negativo” figuran Abanca, Banco Sabadell ou Caixabank, que permiten empregar a lingua galega nos seus sitios en liña, nas aplicacións móbiles e, tamén, nos seus caixeiros.
Como dixemos, o estudo foi presentado hoxe en Compostela, onde se lembrou o seu principal obxectivo: avaliar como empregan os bancos o galego nas súas páxinas web, aplicacións e caixeiros, facendo especial fincapé naquelas que teñen un convenio público coa Xunta e que, polo tanto, actúan como ferramenta e medio para realizar pagamentos de multas, taxas, bolsas, sancións e demais procedementos administrativos de obrigado cumprimento.
Segundo o recollido neste Informe, “ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua” e só 4 das 14 entidades colaboradoras (entidades ás que temos que acudir para levar a cabo trámites obrigatorios) fornecen servizos web en galego.
O estudo recorda que entre as entidades con convenio público, Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega contan cunha versión en galego nas súas páxinas web, mentres que BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, Bankia, Caja Rural Zamora, Ibercaja, Targobank e Banco Caixa Geral “non ofrecen ningunha versión na lingua propia de Galiza”. A maiores, Abanca, Banco Sabadell e Caixabank ofrecen tamén a posibilidade de usar o galego tanto nos caixeiros como na aplicación móbil, aspecto que non cumpre Caixa Rural Galega.
Na presentación destes datos, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, fixo un chamamento ás institucións públicas para contribuír a reverter a situación, sobre todo, porque “a posibilidade de desenvolvermos unha vida plena en galego é condición esencial para a normalización lingüística, que a Xunta de Galiza ten o deber de impulsar e fomentar", indicou, engadindo que “os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua estranxeira na súa propia nación”.
Ademais, dixo, ha de contribuírse de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego a “asegurar a presenza da nosa lingua e dar exemplo ao facer convenios con bancos que garantan o exercicio do dereito elemental de empregar sempre a lingua propia no propio país”. Na opinión da Mesa, “se a Xunta, os 315 concellos e as catro deputacións non son capaces con todos os millóns de euros que xestionan de conseguir que as entidades bancarias cumpran a legalidade en cuestións tan básicas, tan sinxelas e baratas, como as van facer cumprir outras cuestións máis complexas?”

PUBLICIDADE