Só a cuarta parte das biografías da Wikipedia están protagonizadas por mulleres

venres, 15 de novembro do 2024 S. P.

A Facultade de Compunicación de Pontevedra acollía este xoves 14 de novembro o VI Workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Co título A fenda de xénero no ecosistema dixital: Análise e activisimo fronte á desigualdade, a xornada tivo como obxectivo analizar os nesgos de xénero presentes en espazos de coñecemento dixital como Wikipedia e en plataformas de IA como ChatGPT, así como pór o foco na necesidade de involucrar ás mulleres na creación de contidos dixitais feministas para combater estas fendas de coñecemento.
Un dato abraiante do que se falou foi que só o 25% das biografías da Wikipedia están protagonizadas por mulleres e a porcentaxe de editoras que colaboran na publicación de contidos nesta enciclopedia dixital colaborativa é unicamente do 13%.
Estas foron algunhas das cifras nas que puxo o foco a xornalista e activista Patricia Horrillo, fundadora da Wikiesfera, que tamén asistiu a este encontro.
As persoas encargadas de abrir a xornada foron: o reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a decana da facultade, Emma Torres, e a directora da cátedra e da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, que contou coas conferencias de Horrillo e da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que foron presentadas por María Álvarez Lires, integrante do Comité de Sabias da cátedra e profesora da UVigo até a súa xubilación. “A igualdade real non existe, nin sequera nunha Universidade que se considera feminista”, subliñou Reigosa na apertura dun acto no que puxo de relevo a necesidade de “escoitar a aquelas persoas que levan moitos anos traballando por construír unha sociedade mellor” e que poden contribuír co seu coñecemento a seguir traballando a prol da igualdade, que é, lembrou, “un dos eixes do plan estratéxico” da Universidade. De aí que o reitor salientase o labor de “todos os científicos e científicas que están contribuíndo á xeración de coñecemento sobre igualdade” e cos que a institución académica achega o seu “gran de area fundamental” na consecución dun obxectivo no que "aínda queda moito por facer".
Seguindo este fío está a Cátedra de Feminismos 4.0 a través da “xeración de coñecemento científico de excelencia con perspectiva de xénero ou feminista”, como sinalou Gómez, que lembrou que este workshop naceu con vontade de analizar como se reproducían as desigualdades “no ecosistema dixital, onde pasamos a maioría do tempo”. A directora da Unidade de Igualdade agradeceu nese senso a “aposta valente” da Deputación coa cátedra, de cuxa traxectoria fan balance os paneis que integran a mostra itinerante presentada nesta xornada e que percorrerá os centros de ensino da provincia.
Iniciativas como as investigacións e xornadas da cátedra son “necesarias para promover un cambio que nos permita acadar unha sociedade igualitaria”, engadiu Lantarón, quen lembraba o alumnado asistente á importancia de adquirir “ferramentas para ir cambiando o mundo”. No caso concreto do estudantado da Facultade da Comunicación, engadiu Torres, trátase ademais das “creadoras e creadores do contido do futuro”, polo de que se da súa etapa formativa “non saen cun concepto da igualdade e do feminismo claro, vai ser moi difícil que poidamos mellorar as mensaxes que estamos divulgando”. A decana incidiu así mesmo en que se ben a publicidade e o audiovisual son ámbitos “con moita presenza de profesionais femininas” e nos que as mulleres “son maioría nas aulas”, persiste nestes sectores unha “fenda de xénero moi importante para o acceso a cargos directivos e de responsabilidade”.
Para rematar, a deputada provincial de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, foi a relatora da conferencia Ninguén falará de nós se non estamos na Wikipedia, na que Patricia Horrillo subliñou que “as mulleres somos máis da metade da poboación mundial, pero non estamos a contribuír á documentación colectiva da historia”. A directora da plataforma Wikiesfera, que este mes era galardoada co premio internacional The Lovie Award, lembrou que das 5000 persoas hispanofalantes que publican contidos nesta enciclopedia dixital, só o 13% son mulleres. Asemade, alertou da persistencia neste espazo de prácticas sexistas como facer fincapé na relación afectiva ou familiar das protagonistas en relación a un home, empregar adxectivos sobre a súa aparencia ou describilas como musas para a inspiración de homes, á vez que “só aparecen descritas como referentes perfís de actrices, modelos ou cantantes”. Fronte a esta situación é o obxectivo de Wikiesfera, que conta cunha comunidade de máis de 1500 editoras, responsábeis de máis de 5500 artigos, e que pretende, sinalou, “construír unha comunidade feminista” que contribúa a eliminar “os rumbos sistémicos” de espazos de coñecemento como esta enciclopedia.
Na quenda de Laura Castro, achegou á xornada unha reflexión sobre os nesgos de xénero na Intelixencia Artificial xerativa. A investigadora puxo o foco na aparición de prexuízos de xénero nos resultados xerados por ChatGPT, presentando varios exemplos deses nesgos, reflectidos nas variacións nas respostas achegadas pola plataforma a unha mesma pregunta cando o seu destinatario é un home ou unha muller. “Estes sistemas, configurados sen supervisión e empregando fontes de información non curadas, están chamados a reproducir e mesmo amplificar os mesmos nesgos de xénero, no canto de superalos ou contribuír a desterralos”, concluíu, alertando de como estes se presentan “de xeito sutil, pero consistente” nas respostas a consultas relacionadas cos ámbitos STEM.