Sober súmase ao programa INECO Rural TIC para impulsar proxectos dixitais

martes, 16 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello de Sober vén de asinar un convenio coa sociedade empresarial INECO para o desenvolvemento do programa INECO Rural TIC, que mobiliza recursos para a cidadanía que vive en núcleos pequenos de poboación e que ten como obxectivo utilizar a potencialidade que achegan as novas tecnoloxías para contribuír a visibilizar e dinamizar o medio rural.
O programa pon o foco en reducir a fenda dixital poñendo o foco na xente de máis idade e contribúe tamén a frear a soidade non desexada. Tamén achega un importante impulso ás economías locais a través da súa transformación dixital (asesorando ao tecido empresarial).
O programa desenvolverase do 19 de febreiro ao 1 de marzo, contándose coa presenza in situ de profesionais da compañía, técnicos que achegarán e compartirán coa veciñanza de Sober o coñecemento que posúen en materia de dixitalización.
Pola súa banda, o Concello comprométese a facilitar acceso á rede Wi-Fi con cobertura mínima de 4G, a poñer a disposición de INECO os espazos necesarios para o desenvolvemento das formacións, amais de encargarse das estadías dos profesionais asumindo o seu custo íntegro.

PUBLICIDADE