Software libre feito en Galicia para persoas con discapacidade visual

luns, 2 de xuño do 2008 Raquel Noya

Se xa de por si o software libre é unha excelente opción da que non nos cansaremos de falar polas súas múltiples funcionalidades á hora de crear ferramentas de calidade, cando se emprega para axudar aos máis necesitados sempre nos vemos na obriga de louvar a todos cantos participan no seu desenvolvemento e mellora.
Desta volta, a última creación neste tipo de software da que nos facemos eco é Lazarux, unha distribución de Linux para persoas con discapacidade visual que para orgullo de tódolos galegos foi creado por dous informáticos coruñeses: Juan Buño e Serxio Rodríguez.
Este programa (que se pode descargar de balde a través desta ligazón) permite que as persoas invidentes poidan desenvolverse con “total autonomía” no emprego de computadores e realizar sen ningún tipo de axuda tarefas básicas como editar textos, consultar o correo electrónico ou navegar polo sistema.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, Juan Buño afirma que “no prazo dun ou dous anos as persoas invidentes poderán incluso chegar a instalar programas sen axuda doutras persoas grazas ó Lazarux”, algo totalmente inimaxinable ata hai ben poucos anos.
Pese a que este tipo de ferramentas xa se están a probar e a perfeccionar en programas privativos, Lazarux é o primeiro ó que se pode acceder de balde, o que supón un grande aforro de diñeiro para as persoas cegas que están no seu dereito a desenvolverse con éxito no emprego das TIC.
Segundo vén de informar o portal da Sociedade da Información, o informático impartiu recentemente unha conferencia na Facultade de Informática da Coruña na que tratou de “concienciar” ós futuros licenciados da necesidade de favorecer a accesibilidade das persoas con discapacidade ás novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE