Soitu.es pecha tras a perda do apoio dos seus investidores

martes, 27 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Durante moitos meses rumoreábase que Gumersindo Lafuente, profesional ao que se atribuía boa parte do éxito de ElMundo.es, estaba a preparar un proxecto de comunicación que finalmente presentou en outubro de 2007, para lanzalo ese mesmo ano coma unha publicación aberta ao usuario chamada Soitu.es, nunha aposta pola Internet coma plataforma, que contou cunha boa acollida pero que leva meses en dificultades por mor da conxuntura económica actual, que afectou seriamente aos seus ingresos publicitarios, o que levou ao BBVA (entidade que conta co 49% das participacións accionariais) a retirar o seu apoio ao proxecto forzándoo ao seu peche ante a imposibilidade de atopar novos investidores neste momento de crise para os medios de comunicación.
Soitu.es foi un proxecto valente, pero arriscado, xa que o modelo de negocio dos medios puramente dixitais aínda está por definir, e pese a que non hai dúbidas sobre que o futuro da prensa está na Internet.

Gumersindo Lafuente dirixíndose a parte da redacción de Soitu.es

Gumersindo Lafuente asegura na súa mensaxe de despedida e agradecemento aos lectores de Soitu.es que continúan a estar convencidos de que «o valor dos xornalistas neste novo escenario tecnolóxico permanece pero debe cambiar radicalmente o seu xeito de traballar», e defenden o uso intensivo da tecnoloxía para abrir novos camiños, coma fixeron en Soitu.es con seu selector de novas ou os seus populares widgets (especialmente relevantes para o seguimento de informacións en vivo coma os recontos electorais).
En só 22 meses de vida Soitu.es conseguiu 2 premios da Online News Association (ONA), premio da SND ao mellor deseño na Internet e á innovación e outros recoñecementos que demostraron a súa boa labor, que desafortunadamente non conseguiu consolidar este medio por falta de apoio do seu principal investidor, o que lembra en certa medida ao acontecido con ADN.es, que lanzárase en 2007 coma un medio dixital, pero do que o Grupo Planeta retirou o apoio e integrou coa súa edición impresa a primeiros de ano (aínda que o medio non desapareceu, si prescindiu do seu equipo, e oferta agora uns contidos máis tradicionais, no que podería considerarse un importante paso atrás nos medios dixitais españois).