Sol Reader, unhas lentes para ler

venres, 9 de xuño do 2023 Marcus Fernández

As tabletas son dispositivos moito máis versátiles que os lectores de libros electrónicos, pero iso non fai que estes últimos non manteñan un mercado consolidado, xa que non son poucos os que prefiren usar un dispositivo baseado en tinta electrónica para reducir a fatiga visual e consumir contido evitando ao máximo as distracións que poden xurdir nun dispositivo conectado á Internet. Este mesmo razoamento está a libar a unha nova empresa chamada Sindarin a preparar Sol Reader, unhas lentes que integran no seu interior pantallas de tinta electrónica de 1,3 polgadas cunha resolución de 256 x 256 puntos por ollo (fronte aos 758 x 1.024 píxeles da pantalla do Kindle), e con iluminación LED lateral cálida que grazas á súa batería recargable permiten máis de 25 horas de tempo de lectura.
Temos así que Sol Reader sería unha alternativa aos lectores de libro electrónico, que aparte das lentes que fan de pantalla para cada ollo contan tamén cun mando PageTurner para pode moverse entre os contidos que carguemos nestas lentes.
As lentes terían un peso de só 104 gramos, mentres que o mencionado mando pesaría 39 gramos, podendo xogar un bo papel á hora de converterse nunha alternativa máis persoal e inmersiva aos eReaders tradicionais, aínda que o seu prezo é máis elevado, xa que actualmente as lentes poden reservarse en 4 cores distintas a por 350 dólares (325 euros). O seu almacenamento interno ten unha capacidade de 64 MB, polo que é dabondo para almacenar numerosos libros e textos (administrados a través dunha aplicación móbil), sendo a súa principal limitación a reducida resolución da súas pantallas de tinta electrónica, o que probablemente non sexa un atranco para algúns usuarios que queiran revolucionar a súa experiencia de lectura.
Dende TechCrunch aseguran que a compañía iniciou o envío das primeiras unidades destas curiosas lentes a un pequeno grupo de usuarios de proba, polo que pronto podería converterse nun produto comercial que mudaría o que entendemos por lentes para ler (para o que tamén conta cun axuste para entre 0 e -5,75 dioptrías, polo que a meirande parte das persoas podería empregar as lentes aínda que precise lentes correctoras para ver de preto).

PUBLICIDADE