Solar Paper, o cargador solar máis lixeiro e delgado do mercado

luns, 13 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Os cargadores solares para os trebellos electrónicos levan moito tempo no mercado, pero aínda que están lonxe da súa popularización, seguen a captar bastante atención, ou iso parece entenderse ao ver a magnífica acollida que está a ter unha campaña de micromecenado en Kickstarter para contribuír á produción de Solar Paper, o cargador solar que promete ser o máis lixeiro e delgado do mundo, que ao pouco de iniciar a súa campaña xa cuadriplicou a cantidade que perseguía xuntar para facer realidade o produto no mes de setembro.
O Solar Paper sería o cargador solar de 2,5, 5, 7,5 e 10 watts máis compacto do mercado, prometendo unha velocidade de entrega de corrente semellante á dun cargador de parede se o tempo acompaña, asegurando os seus responsables que conseguiría recargar un iPhone 6 en dúas horas e media durante un día soleado (en presenza de nubes levaríalle aproximadamente o dobre de tempo), aínda que as súas dimensións e peso serían os seus detalles máis salientables, xa que estamos ante un trebello de 19 x 9 x 1,1 centímetros e 120 gramos de peso, o que sería só o 13% de volume e un 26% do peso dun produto equivalente da competencia.
Esta solución está baseada en paneis que poden conectarse en paralelo, sendo cada panel de 2,5 watts, e podendo colocarse até 4 á vez, de xeito que un único panel sería como un cargador USB básico, dous paneis servirían para cargar un smartphone baixo a luz do sol, con tres paneis xa teriamos un bo funcionamento os días nubrados se a nosa intención é cargar o noso teléfono e, finalmente, con catro paneis incluso sería posible empregar esta solución para cargar a batería dunha tableta.
Os prezos que actualmente figuran na campaña de micromecenado serían de 69, 99 e 139 dólares (62,81, 90,12 e 126,53 euros) para as versións de 5, 7,5 e 10 watts do Solar Paper, comezando a súa distribución o vindeiro 15 de setembro (aínda que as versións de 10 watts que se vendan a partires de agora non se enviarán aos mecenas até outubro).

O Solar Paper de maior potencia suma a enerxía solar captada por 4 paneis, chengado así até os 10 watts

PUBLICIDADE